O Concello expón ao público a proba alfa para a remodelación do servizo, que pretende mellorar a conectividade na cidade e superar as carencias das liñas actuais, que teñen case 30 anos de antigüidade
Consta dunha liña troncal Norte – Sur que vertebrará a cidade desde O Vinteún a Expourense, e outras 19 liñas transversais
O Concello de Ourense expón ao público desde hoxe a “proba alfa” para a remodelación das liñas do servizo de autobuses urbanos. Na páxina web do Concello wwww.ourense.gal, particulares e colectivos poden coñecer a proposta elaborada polo goberno municipal e realizar as súas suxestións a través dun formulario que está dispoñible na páxina web.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, convida a cidadanía a implicarse na renovación do servizo municipal, que resulta necesaria xa que o modelo actual ten xa case 30 anos de antigüidade e está “completamente desfasado”. Así, explica Pérez Jácome, “animamos a toda a poboación a que nos achegue as súas propostas, porque cen mil cerebros pensan máis ca un, dez ou vinte. Queremos que fagan as súas suxestións, que seguramente nos van axudar moito para optimizar as liñas”.
O novo deseño ten como eixo unha liña troncal, de alta frecuencia, Norte-Sur, que conectará O Vinteún – barrio da Ponte – estación intermodal – Ponte do Milenio – edificio dos Xulgados – Pavillón dos Remedios – Parque de San Lázaro – Alameda – Residencia – Mariñamansa – Universidade Laboral – Expourense. A liña, explica Pérez Jácome “ofrecerá un servizo premium, que poucas cidades teñen”.
O modelo complétase con outras 19 liñas que pretenden mellorar a conectividade co resto da cidade dos barrios e do perímetro rural. Explica como exemplo o alcalde que a proposta de novas liñas prevé novidades de liñas de autobús express para conectar O Couto coa Residencia e o Centro, melloras na conectividade do barrio de San Francisco ou A Cruz Alta, entre outros cambios que, asegura, “mellorarán moitísimo as anteriores liñas”.
Toda a información está dispoñible en: https://www.ourense.gal/gl/lineas-autobus/
Proba alfa. Listaxe de liñas:
1 – LIÑA DE ALTA FRECUENCIA NORTE / SUR
2 – O COUTO / CENTRO
3 – O COUTO / RESIDENCIA
4 – SANTA CRUZ / CENTRO
5 – QUINTELA / BERROCÁS
6 – PALMÉS / CENTRO
7 – CUDEIRO / UNIVERSIDADE LABORAL
8 – CUDEIRO / UNIVERSIDADE LABORAL
9 – REZA / O CEBOLIÑO
10 – A CRUZ ALTA / BERROCÁS
11 – SANTA MARIÑA / CENTRO
12 – ESTRADA DA GRANXA / UNIVERSIDADE LABORAL
13 – AS CURUXEIRAS / A CHAVASQUEIRA
14 – O CUMIAL / VELLE
15 – O CUMIAL / VELLE B
16 – CABEZA DE VACA / OIRA
17 – CABEZA DE VACA / OIRA
18 – MÚLTIPLE (O POLVORÍN, O FONSILLÓN, RABO DE GALO…, A PARQUE DE SAN LÁZARO)
19 – TERMAS TREN CHUCHÚ
20 – MOUCHO BUS A E B




