• CONTA CUN STAND EN EXPOURENSE, NO CAL SE DAN A COÑECER AS EDICIÓNS DE 2023 DESTES EVENTOS, QUE SERÁN DO 8 AO 11 DE XUÑO
• ESTA PRESENZA RESPONDE A UN ACORDO CO RECINTO OURENSANO PARA CONTRIBUÍR A DESENVOLVER O SECTOR FEIRAL
A Feira Internacional de Galicia ABANCA (FIGA) participa estes días na 20ª Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar, Termatalia 2022, a cal comezou hoxe e remata mañá no recinto Expourense.
A entidade feiral está presente cun stand no que se promocionan os seus eventos centrados no sector do turismo, o XII Salón Turístico de Galicia (Turexpo Galicia) e a IX Feira de Festas de Interese Turístico (Festur). Estes celebraranse conxuntamente e de forma paralela á Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia do 8 ao 11 de xuño.
Turexpo Galicia e Festur están xa inmersos na organización dunha cita que conxugará unha interesante área expositiva, un programa de actividades especialmente dedicado ás festas de interese turístico e a súa recoñecida Bolsa de Contratación Turística. A pesar de estar condicionada aínda pola crise sanitaria, esta Bolsa xerou na edición de 2022 un importante negocio ao propiciar 2.100 reunións entre 134 empresas do sector e 35 operadores turísticos de 11 países.
Desenvolvemento do sector feiral
Esta participación en Termatalia enmárcase no convenio asinado en outubro de 2017 e renovado en marzo deste ano pola entidade feiral e a Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, o cal ten como obxectivo promover accións que contribúan ao desenvolvemento do sector feiral na nosa comunidade e, de maneira particular, destes dous recintos.




