Presenta a iniciativa Green InfrasTREEcture in the landscape, que propón a posta en valor da integración dos elementos arbóreos e forestais na paisaxe galega como parte dunha infraestrutura verde planificada e resiliente
A Xunta de Galicia está a intercambiar experiencias en Eslovenia sobre a protección da paisaxe no marco da reunión internacional dos socios do proxecto Green Infrastructure for Forest and Trees (GIFT) do programa Interreg Europe-FEDER.
Durante a súa participación neste encontro, que tivo lugar nas cidades de Liubliana e Kranj, o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, presentou a iniciativa Green InfrasTREEcture in the landscape, que propón a posta en valor da integración dos elementos arbóreos e forestais na paisaxe galega como parte dunha infraestrutura verde planificada e resiliente.
Nesa liña, ademais de expor o coñecemento e experiencias adquiridas no marco desta iniciativa de cooperación interregional, os participantes tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man o traballo desenvolvido polas autoridades eslovenas. Así, ademais de visitar o Landscape Park Tivoli, que fai de Liubliana unha das poucas cidades europeas cunha zona forestal protexida tan cerca do centro urbano, tamén percorreron o River Kokra Canyon, na localidade de Krank, que é o segundo desfiladeiro urbano máis alto de Europa e que conecta co casco antiguo da cidade en dous puntos.
Case 2 M€ de orzamento
Cómpre lembrar que a finalidade principal do programa GIFT é fomentar a política de cohesión, facilitando o intercambio de experiencias e coñecementos de éxito no eido das infraestruturas verdes, centradas en bosques e árbores, a transferencia de boas prácticas e a aprendizaxe entre os socios, principios nos que se enmarca esta visita a Eslovenia.
Impulsado no marco do programa Interreg Europe-FEDER e cun orzamento de 1,97 millóns de euros —o 80% procedente de fondos Feder e o 20% restante da Xunta—, este proxecto pon especial énfase e atención nos bosques, nas árbores e nas paisaxes que albergan, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga e a erosión, entre outros.
No proxecto, que lidera o IET, participan 9 entidades máis de países e rexións da Unión Europea: o goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân (Países Baixos) e Rimini (Italia), a Axencia Rexional de Leipzig (Alemaña), o Instituto Forestal Esloveno, o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (ambos de Eslovenia), a Universidade de Letonia e a cidade de Zagreb (Croacia).




