HomeVigoNigránO Multiusos de Sabarís acolle a presentación do libro solidario "Os Contos...

O Multiusos de Sabarís acolle a presentación do libro solidario “Os Contos de Nigrán”

- Anuncio -spot_img

O mestre Álvaro Gómez e o escritor Julio Villarino presentan o seu libro solidario “Os Contos de Nigrán” no Multiusos Mercado de Sabarís coa colaboracion do Concello de Baiona.

O mestre Álvaro Gómez Fernández exerceu recentemente no CEP de Sabarís durante varios anos. O dinámico docente, que é lembrado con gran agarimo por moito do seu alumnado baionés, comeza con esta ópera prima a súa carreira como artista plástico e ilustrador. O libro infantil “Os Contos de Nigrán” propón unha colaboración entre este mestre fonsagradino Álvaro Gómez e o escritor baionés Julio Villarino.

A obra será presentada no espazo Multiusos Mercado de Sabarís (antiga praza de abastos) o vindeiro venres 23 de maio ás 18:30h. Será o propio alcalde da real Villa, #Jesús Vázquez Almuíña, quen exercerá de mestre de cerimonias e introducirá o acto.

O escritor local, Julio Villarino Espino, suxire nesta obra unha divertida antoloxía de Contos infantís, protagonizados por animais animados da contorna do Val Miñor, no que as historias poñen en valor a contorna natural e patrimonial da comarca. Centrada en valores clásicos e actuais, a obra tenta ofrecer ferramentas aos máis pequenos, abordando problemáticas modernas como o acoso escolar ou os trastornos alimentarios.

Un contido claro e interesante para os mozos en idade formativa. Sorprende a irrupción do ilustrador novel, natural da Fonsagrada, Álvaro Gómez Fernández. Un mozo mestre que traballou continuadamente nesta comarca, nos colexios de Sabarís e Oia.

Un docente que se desmarca de forma sorpresiva como artista plástico neste campo. As ilustracións dos contos mostran un formato fresco e novo, mesturando a obra escultórica de moldeado en plastilina cun medio fotográfico natural e realista. Unha combinación que permite aos pequenos lectores recoñecer a súa contorna mentres se lles introduce no mundo máxico dos contos.

As esculturas do artista lugués permanecerán expostas durante a presentación do libro, para a apreciación de grandes e pequenos. Ambos os autores asinarán e dedicarán os tomos da súa obra a quen o desexe, ao final do acto de presentación.

Esta obra literaria ten ademais un alto valor solidario. Os autores doarán o importe íntegro dos dereitos de autor do libro, á venda na plataforma de Amazon. A beneficiaria será a ONG viguesa “Bicos de Papel”, unha asociación que colabora no coidado dos nenos con cancro infantil e apoia ás súas familias neste duro proceso. Un bo obxectivo para unha obra infantil.

Publicacións Relacionadas