HomePontevedraBaixo MiñoTomiño anima aos seus maiores a reactivarse

Tomiño anima aos seus maiores a reactivarse

- Anuncio -spot_img

O Concello pon en marcha no centro e nas parroquias unha nova edición de ‘Reactívate’, un programa de envellecemento activo ao abeiro da axenda ‘Impacto saudable’. Inscricións xa abertas na web

As persoas maiores de Tomiño teñen unha nova oportunidade para coidar corpo e mente. O Concello inicia unha nova edición do programa Reactívate, unha iniciativa de envellecemento activo incluída na axenda Impacto Saudable, que combina actividade física, exercicios de estimulación cognitiva e actividades de lecer para mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 55 anos.

Este ano, o programa volve expandirse de novo máis aló do centro urbano, chegando tamén ás parroquias de Barrantes, Sobrada e Tebra, co obxectivo de facilitar o acceso a todas e todos os veciños. As clases serán:

  • Tomiño Centro: martes e venres de 10.00 a 12.30 h.
  • Barrantes: xoves de 09.30 a 11.00 h e venres de 09.30 a 10.30 h.
  • Sobrada: luns de 19.30 a 20.30 h e martes de 18.00 a 19.30 h.
  • Tebra: martes de 16.00 a 17.30 h e venres de 11.00 a 12.00 h.

En Tomiño as sesións dividiranse en hora e cuarto de ximnasia e outra hora e cuarto de actividade psicolóxica, mentres que nas parroquias as sesións dunha hora corresponden á parte física das actividades mentres que nas clases de hora e media abordarase a parte cognitiva e psicolóxica do programa.

A alcaldesa, Sandra González, destacou a relevancia do programa para o benestar da poboación maior, xa que “Reactívate non só axuda a manterse en forma, senón que tamén fomenta o contacto social e fortalece a mente. É unha oportunidade para vivir máis activos e en comunidade, gozando dunha experiencia saudable e divertida”.

Pola súa banda, o concelleiro de Benestar Social, Rubén García, salientou a importancia de poder levar este programa ás parroquias, porque “permite que máis persoas poidan beneficiarse destas actividades. Queremos que todas e todos os nosos maiores se sintan incluídos e motivados para participar neste programa que combina saúde, actividade e sociabilidade”.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse directamente no Concello de Tomiño ou a través do formulario habilitado na web municipal. Con esta nova edición, Tomiño reforza o seu compromiso coa promoción dun envellecemento activo, saudable e integrador, facendo do benestar unha prioridade para toda a poboación maior.

Publicacións Relacionadas