- Na xuntanza aprobouse o funcionamento interno do Consello e expúxose o estado actual do regulamento da Lei de benestar animal estatal, aprobada en 2023
- Marisol Díaz sinala que dous anos despois da entrada en vigor desta norma, urxe aprobar un desenvolvemento regulamentario que aclare as dúbidas de aplicación
Galicia participou esta mañá na sesión constitutiva do Consello Estatal de Protección Animal, un órgano de carácter colexiado e consultivo concibido para canalizar a participación das Administracións Públicas e da sociedade civil en xeral no eido da protección dos dereitos e do benestar dos animais de compañía.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, asistiu como vogal e en representación da Xunta de Galicia a esta primeira reunión, celebrada en Madrid e durante a cal se aprobou o regulamento de funcionamento interno do Consello, creado pola Lei de protección dos dereitos e o benestar dos animais estatal, aprobada en marzo de 2023 e que entrou en vigor en setembro dese mesmo ano.
Durante a mesma, tamén se designaron aos membros da Comisión Permanente do referido organismo que representarán ás comunidades, a entidades de protección animal, empresas do sector e asociacións ou colexios profesionais relacionados co mundo veterinario e a bioloxía.
Así mesmo, a sesión constitutiva do Consello Estatal de Protección Animal serviu para informar aos asistentes sobre o estado actual dos documentos de desenvolvemento regulamentario nos que traballa a Dirección Xeral de Dereitos dos Animais, destacando entre eles o futuro regulamento da Lei de benestar animal de 2023 e o real decreto de identificación de animais de compañía, cuxos borradores se someteron o pasado verán ao trámite de exposición e audiencia pública.
Ao respecto, Marisol Díaz aproveitou a súa quenda de palabra para insistir na importancia de aprobar estes decretos canto antes, en especial, o de protección dos dereitos e o benestar dos animais, chamado a desenvolver a referida lei e co que confía en que se aclaren as numerosas dúbidas de interpretación e de aplicación práctica que segue suscitando cando xa transcorreron dous anos desde a súa entrada en vigor.
Neste sentido, os representantes do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 indicaron que unha vez pechado o período de información pública e tendo en conta a tramitación pendente, a previsión que se manexa é poder aprobar o real decreto do regulamento que desenvolve a Lei de benestar animal en marzo do próximo ano.
Por outra banda, durante esta primeira reunión do Consello Estatal de Protección Animal púxose de manifesto que un dos temas que máis preocupa ás comunidades son as colonias felinas, unha inquedanza compartida pola maioría delas.
Ao fío desta cuestión, desde o Ministerio apuntaron que xa se está a traballar nun plan de acción de xestión de colonias felinas e nun plan de prevención do abandono de animais de compañía, dous asuntos sobre os que amosaron a súa intención de abrir unha rolda de contactos coas comunidades autónomas para coñecer as súas posturas.




