HomeA CoruñaO Concello de Santiago levou a cabo un programa de mellora da...

O Concello de Santiago levou a cabo un programa de mellora da accesibilidade nos espazos públicos no último ano

- Anuncio -spot_img

A Concellería de Obras do Concello de Santiago de Compostela puxo en marcha dende o pasado 2025 un amplo programa de intervencións destinadas á mellora da accesibilidade nos espazos públicos do municipio. A máis recente destas actuacións foi a levada a cabo no cruzamento das rúas do Hórreo e Gómez Ulla, rematada o pasado mes de marzo. O investimento total neste programa foi de aproximadamente 300.000 euros.

En total, os traballos desenvolvéronse en 17 puntos do tecido urbano compostelán. Así, as obras incluíron a rúa do Río, a rúa do Lavadoiro, dous tramos distintos da rúa do Avío, a rúa dos Irmandiños, dúas zonas da rúa de Betanzos, a rúa dos Xasmíns, a dos Loureiros, a costa do Vedor coa avenida Quiroga Palacios, a rúa de Varsovia, a de Berlín e a de Dublín. Tamén a rúa de Outeiro de Sar, a do Hórreo con Gómez Ulla, a do Xeneral Pardiñas e a praza de San Clemente.

En cada unha destas localizacións fíxose un estudo previo da situación para adaptala á normativa existente e ao Plan de Accesibilidade Universal do Concello. As solucións adoptadas acortan itinerarios peonís, aumentan a visibilidade, reducen os desniveis e incorporan a sinaléctica necesaria para garantir a seguridade de todas as persoas.

A última das actuacións previstas neste programa efectuarase na rúa das Rodas durante o verán.

Outras actuacións destinadas á mellora de accesibilidade

Ademais deste programa de actuacións, o Concello levou a cabo intervencións de carácter localizado en distintos puntos do territorio municipal.

Entre estas, cabe salientar a mellora da accesibilidade na contorna do Colexio de Educación Especial A Barcia. Neste lugar, atendendo a unha solicitude da comunidade escolar, adecuouse a accesibilidade na entrada do recinto e en tres pasos de peón próximos.

Na contorna do pavillón de Vite, instaláronse ramplas de accesibilidade a vivendas nas rúas Xesús Carro e Carlos Maside.

Na rúa Vista Alegre interveuse no acceso de entradas de garaxe a fin de garantir a accesibilidade nas beirarrúas anexas.

Por último, no parque infantil situado na rúa López Ferreiro, os traballos incluíron, ademais da mellora da accesibilidade, unha ampliación da zona de esparexemento.

Publicacións Relacionadas