Entre os pasados luns 1 e o domingo 7 de febreiro, citáronse en entornos sociosanitarios, educativos, empresariais/laborais e poboacionais desta Área a 8.670 personas para efectuar cribados
Desta poboación diana, asistiron voluntariamente ás citas preventivas 6.320 cidadáns, cifra que acada o 72,9 % da convocatoria
Os cribados poboacionais con PCR e con test rápidos de antíxenos efectuados polo Servizo Galego de Saúde durante a pasada semana na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés cara a detectar o maior número posible de portadores asintomáticos permitiu a detección de 27 casos positivos de COVID 19.
Así, dende o pasado luns 1 de febreiro ata o domingo día 7, a Administración Sanitaria Pública galega citou en entornos sociosanitarios, educativos, empresariais/laborais e poboacionais desta Área Sanitaria a un total de 8.670 persoas para efectuar cribados. Desa poboación diana, asistiu voluntariamente á cita preventiva -ben para efectuar unha PCR ou ben para un test de antíxeno- 6.320 cidadáns, cifra que acada o 72,9 % da convocatoria a estes cribados preventivos.
Deses 6.321 cribados xurdiron os devanditos 27 positivos por COVID 19, o que representa un 0,43% das mostras analizadas durante a pasada semana.
Tres cribados poboacionáis
No que atinxe especificamente a o eido poboacional, cómpre lembrar que durante o devandito período a Administración Sanitaria Pública galega efectuou na Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de tres cribados poboacionais entre grupos de idade de 40 a 79 anos dos concellos de Soutomaior, Moraña e Ponte Caldelas.
Así, no Concello de Soutomaior, o Servizo Galego de Saúde convocou a pasada semana nos seus cribados a 2.885 persoas, das que finalmente acudiron 1.973 -o 68,4% da convocatoria- o que levou a detectar un total de 5 positivos por coronavirus -o 0,25% deste cribado-.
No Concello de Moraña, a Administración Sanitaria Pública galega convocou a pasada semana a 1.900 persoas de 40 a 79 anos para o cribado, das que finalmente acudiron 1.449 -o 76,3% da convocatoria- o que levou a detectar un total de 3 positivos por coronavirus -o 0,2% do cribado-.
E, finalmente, no Concello de Ponte Caldelas, o SERGAS efectuou unha citación voluntaria para cribar a 2.478 persoas dentre 40 e 79 anos, das que acudiron 1.894 -o 72,9% da convocatoria- o que facilitou a detección de 4 positivos por coronavirus -o 0,2% deste cribado preventivo-.




