A iniciativa está dirixida a crianzas e rapazada de 3 a 14 anos, que deberán representar ao papagaio pontevedrés
O Museo de Pontevedra, nestes momentos pechado ao público por mor das restricións da COVID-19, quere celebrar o estraño Entroido deste 2021 e vén de poñer en marcha o ‘Concurso artístico infantil Vestindo ao Ravachol’. O obxectivo é que as crianzas e a rapazada de entre 3 e 14 anos representen ao papagaio pontevedrés como máis lle guste e remitan o seu traballo ao Museo para expoñelo na vidreira do ‘Edificio Castelao’.
O reto é deixar voar a imaxinación e, neste ano que non se pode acompañar a Ravachol nin no cortexo fúnebre nin choralo durante a queima, crear a súa figura coa técnica e os materiais que se prefiran: debuxo, pintura, colaxe, fotomontaxe…, no que vaia vestido co disfrace que cada rapaz e rapaza escolla. A obra debe levar un título, e é opcional que vaia acompañada dalgunha explicación, adiviña, cantiga ou poema.
Todas as creacións serán expostas no zona vidrada do Edificio Castelao do Museo a medida que vaian chegando (antes do 18 de febreiro), para que, a pesares do peche do edificio, toda a cidadanía poida gozar delas. Para participar é preciso ter en conta que só se admitirá unha creación por nena ou neno. Haberá tres categorías:de 3 a 6 anos (categoría 1); de 7 a 11 anos (categoría 2) e de 12 a 14 anos (categoría 3). A autora ou autor da mellor obra en cada unha das categorías recibirá un agasallo do museo adaptado á súa idade e poderá ver publicado o deseño do seu Ravachol na web e no Facebook do Museo.
Entenderase que a ou o menor conta coa autorización da súa nai, pai ou representante legal, quen deberá enviar un correo á seguinte dirección gabinetedidactico.museo@depo.es no que se especifique: o seu nome, o nome do seu fillo/a, a idade deste e un número de teléfono.
A obra, que debe incluír título, nome e idade da autora ou autor, deberá enviarse fotografada ou escaneada nun formato que non supere o tamaño DIN-A4 en posición vertical ou horizontal. O xurado estará formado por profesionais do Museo de Pontevedra, que valorarán tanto a orixinalidade coma a calidade en función da idade. As obras gañadoras gañadoras decidiranse o 19 de febreiro, e comunicaráselle o mesmo día ás persoas premiadas a través dunha chamada telefónica e da publicación na páxina web e do Facebook do Museo.




