HomeA CoruñaTrenor traslada o compromiso da Xunta co futuro industrial de Ferrol e...

Trenor traslada o compromiso da Xunta co futuro industrial de Ferrol e demanda maior implicación do Goberno Cental

- Anuncio -spot_img

O delegado da Xunta e a directora de Planificación Enerxética e Recursos Naturais participaron nun encontro de traballo cos alcaldes, organizacións sindicais e empresarias de Ferrolterra e representantes do Goberno central

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, a directora de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participaron esta mañá por videoconferencia nun encontro de traballo cos alcaldes e organizacións sindicais e empresarias de Ferrolterra.

O representante do Goberno autonómico trasladou o compromiso da Xunta con toda a industria da comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal e lamentou a falta de implicación por parte do Goberno de España aplicando unha política enerxética errática e contraditoria, por carecer planificación industrial e por tomar decisións que favorecen conscientemente a outras zonas de España en detrimento desta comarca.

Navantia
En relación con Navantia, Trenor lembrou que a Xunta colaborou na volta á actividade nas gradas do astaleiro, no só con construción naval senón tamén coa eólica mariña, na que temos o liderado mundial. Ademais a implicación da Xunta está permitindo desenvolver 17 millóns de euros en investimentos para sentar as bases da transformación cara o Estaleiro 4.0. Sen embargo, por parte do Goberno central levamos dous anos sen compromisos nin carga de traballo. “O Goberno de España retrasou a construción das fragatas F-110 ata o 2022, e cando demandamos un novo buque primeiro puxeron como escusa que non facía falta e logo o encargaron nos estaleiros de Cádiz”, lembrou o delegado da Xunta.

Neste senso, insistiu en que o Goberno ten que reaccionar de inmediato e recalcou que a construción dun buque de aprovisionamento permitiría garantir a curto prazo o futuro dos traballadores de Navantia, ata que se empecen a construír as fragatas F-110 e a execución do dique cuberto suporía para Navantia contar cunha infraestrutura básica coa que avanzar na súa modernización.

Por todas estas razóns, Trenor trasladou o compromiso da Xunta a calquera iniciativa que supoña sumar esforzos e que os estaleiros galegos se coordinen para traballar en equipo e para ser máis competitivos. “Pero todo este esforzo colectivo –engadiu– precisa dun compromiso sen fisuras do Goberno central que debe amosar a mesma implicación que están demostrando outros países europeos para garantir a viabilidade e o financiamento do naval en Galicia”.

Endesa
O delegado da Xunta lembrou que o escenario que defende a Xunta de Galicia é o de manter operativa a planta e os seus empregos a través dos biocombustibles, por iso, apuntou Trenor, “rexeitamos a decisión unilateral da empresa de pechar e seguiremos colaborando, como ata agora, para atopar un futuro industrial que garanta a viabilidade da planta”. O representante do Goberno galego insistiu en que as probas con biocombustibles avaliadas pola Xunta e a Administración central confirman que a planta é viable desde o punto de vista técnico e medioambiental.

“O Goberno central ten que demostrarlle a Endesa que ese é o camiño a seguir e debe comprometerse a non autorizar o peche da central ata que se atope unha solución industrial. Non podemos cometer o mesmo erro que en Meirama”, sinalou.

Trenor insistiu en que desde a Xunta defendemos unha transición enerxética xusta e planificada, posto que ata agora o único que está facendo o Goberno central é tomar decisións de forma precipitada e errática poñendo en perigo miles de postos de traballo nesta comarca.

“Desde Galicia apoiaremos proxectos que promoven a transición enerxética, xa o estamos facendo a través das propostas aos fondos europeos Next Generation pero en paralelo temos que seguir traballando para dar viabilidade á central das Pontes”, concluíu.

Siemens
Trenor referiuse tamén ao conflito que se está a vivir na comarca ante o posible peche de Siemens-Gamesa nas Somozas. Neste senso, lembrou que a Xunta está en contacto permanente cos traballadores para facer unha fronte común ante esta nova inxustiza.

“A empresa non ten escusa para pechar unha planta de aeroxeradores cando as enerxías renovables están chamadas a xogar un papel crucial no futuro, ademais, desde Galicia estamos presentando proxectos aos fondos europeos Next Generation dos que se podería beneficiar con máis carga de traballo”, apuntou.

Ademais, indicou que onte mesmo a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou a inmediata licitación da reforma da estrada AC-110 nas Somozas, que facilitará o transporte de pas de aeroxeradores e o mantemento do emprego cun investimento de 500.000 euros.

Por todo iso, trasladou aos asistentes a necesidade de que o Ministerio de Traballo e Economía Social avalíe polo miúdo o ERE por se houbese posibilidade de que fose rexeitado se se demostra que a empresa actúa de mala fe, intentando xustificar o inxustificable. Ademais, é necesario que o Ministerio para a Transición Ecolóxica se implique realmente no deseño dunha política enerxética estable para que as empresas poidan ter estabilidade e certezas, algo que a día de hoxe é imposible para evitar máis intentos de fuga por parte das empresas do eido enerxético de Galicia e de España.

Trenor finalizou destacando que a Xunta de Galicia está e seguirá estando ao lado dos traballadores de toda a comarca de Ferrolterra, Eume e Ortegal e insistiu en que todos os esforzos do Goberno galego poderán ter resultado se veñen acompañados dun compromiso firme por parte do Goberno central en todas as materias pendientes coa industria de toda esta área.

Publicacións Relacionadas