A aprobación do documento levará a pleno a próxima semana.
O goberno local de Miño levará a próxima semana a pleno ordinario a aprobación dun Plan de Igualdade municipal que foi elaborado contando coa participación dos traballadores municipais e o asesoramento da Fundación Mujeres.
Desde o ano 2004 ao 2008 estivo vixente outro Plan de Igualdade no Concello de Miño que non tivo continuidade. Agora decidiuse crear un desde cero e, debido á escaseza de recursos económicos e de persoal do Concello de Miño, para a súa elaboración non foi posible contratar unha empresa externa ou utilizar fondos propios polo que se contou coa axuda da Fundación Mujeres a través do seu proxecto Dana+, que asesoraron e guiaron ao persoal municipal que creou o documento. Tamén se creou unha mesa de traballadores dos distintos departamentos do Concello para achegar diferentes ideas e puntos de vista a incluír no plan.
Este é un Plan de Igualdade básico e moi sinxelo, que estará vixente durante catro anos e que serve como punto de partida para ir ampliándoo e completándoo nos próximos anos. “Desde ou goberno local cremos que é mellor contar cun Plan de Igualdade municipal, aínda que fose básico e sinxelo, que non ter nada”, explicou a concelleira de Igualdade, Mariña Varela Lage, que engadiu que “os obxectivos son realistas e adaptados á realidade, proporcionados ao que se cre que se pode conseguir”.
O plan estará vixente durante catro anos, e en 2025 farase unha avaliación dos obxectivos conseguidos, os que deberían ampliarse e os que deben recollerse no novo plan para 2026-2030.




