A institución segue a aumentar a súa oferta lúdica en liña para toda a familia mentras dura o peche temporal polas restriccións da pandemia
O Museo de Pontevedra segue a aumentar a súa oferta lúdica en liña para paliar o seu peche temporal polas restricións derivadas da pandemia e hoxe, coincidindo co inicio do Entroido, vén de pór a disposición na súa páxina web un encrucillado sobre o Ravachol. Trátase dunha creatividade da equipa educativa da institución, que pretende divulgar a figura do famoso papagaio poñendo tamén a disposición datos da súa historia nun artigo ilustrado con imaxes pertencentes aos Arquivos Gráfico e Documental do Museo.
O encrucillado ten como finalidade encaixar dezaseis palabras relacionadas co Ravachol en xeral e coa botica de Perfecto Feijóo en particular. Entre outros términos, deben atoparse algúns relativos a como chamaba o animal ao seu dono, aos curas, ou a Montero Ríos (entre outros), o nome da sociedade que organizou o seu velorio ou a finca na que foi enterrado. Para facilitar a súa realización (www.museo.depo.gal), o encrucillado leva un apartado de autocorrección.
Ademais deste pasatempo para toda a familia e tamén con motivo do Entroido, o Museo ten en marcha o ‘Concurso artístico infantil Vestindo ao Ravachol’ co obxectivo de que as crianzas e a rapazada de entre 3 e 14 anos representen e vistan ao papagaio pontevedrés como máis lle guste, e remitan (antes do 18 de febreiro) o seu traballo para expoñelo no espazo vidrado do ‘Edificio Castelao’.
Só se admitirá unha creación por nena ou neno. Haberá tres categorías:de 3 a 6 anos (categoría 1); de 7 a 11 anos (categoría 2) e de 12 a 14 anos (categoría 3). A autora ou autor da mellor obra en cada unha das categorías recibirá un agasallo adaptado á súa idade e poderá ver publicado o deseño do seu Ravachol na web e no Facebook do Museo.
Entenderase que a ou o menor conta coa autorización da súa nai, pai ou representante legal, quen deberá enviar un correo a gabinetedidactico.museo@depo.es no que se especifique: o seu nome, o nome do seu fillo/a, a idade deste e un número de teléfono adxuntando a creatividade.




