HomeA CoruñaMoeche mantén a suspensión das feiras

Moeche mantén a suspensión das feiras

- Anuncio -spot_img

O Concello de Moeche vai continuar sen feiras polo momento. Así o comunicou esta mañá o Goberno local a través das redes sociais, debido á elevada incidencia a 14 días que aínda rexistra o municipio. Ademais tamén se alude ao peche perimetral e individual do concello, que fai inviable economicamente para os postos acudir a unha feira só con público do municipio. Deste xeito, mañá martes, 23 de febreiro, tampouco haberá actividade en San Ramón. Con respecto á seguinte feira, a do 11 de marzo, o Concello agardará a uns días antes para informar sobre se a suspensión se mantén ou se levanta, atendendo aos datos sobre a situación sanitaria e as restricións que sexan de aplicación nese momento.

A Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol comunicoulle ao Concello onte domingo que que en Moeche se contabilizaban 25 casos activos. Unha cifra que confirma a tendencia á baixa, pero que está aínda por riba da ratio de 250 casos por cada 100.000 habitantes empregada polo comité clínico para establecer o nivel máximo de restricións. A esta situación sanitaria úneselle o peche territorial, que limita a afluencia de compradores e compradoras de municipios colindantes e, en consecuencia, a rendibilidade para os postos.

Con este escenario, o Goberno Local de Moeche decidiu manter a suspensión da feira deste martes 23 de febreiro. Unha decisión que se lles trasladou aos expositores que acoden regularmente a San Ramón e tamén á Asociación Galega de Vendedores Ambulantes, quen “comparten e comprenden a decisión”, tal e como indicou a alcaldesa, Beatriz Bascoy.

A rexedora agradeceu a postura da entidade “e de todos os postos que veñen habitualmente a Moeche” e indicou que as restricións adoptadas polo Concello se manterán, como mínimo, até o próximo 3 de marzo. Entre elas están, ademais da suspensión das feiras, a interrupción da programación cultural e deportiva, o peche da biblioteca, o peche de parques e a antención presencial nas oficinas municipais preferentemente con cita previa.

O Concello agarda que as feiras poidan volver en marzo -a primeira sería o 11-, aínda que esa previsión estará condicionada polas medidas restritivas en vigor nese momento e pola situación sanitaria que rexistre o municipio para daquela.

Publicacións Relacionadas