- O mestre faleceu recentemente tras toda unha vida dedicada ao ensino
O colexio Apóstolo Santiago de Arcade rendeu esta mañá unha emotiva homenaxe a Fernando Rebanal, profesor do centro durante máis de 40 anos. “Unha magnifica persoa e un mestre dos que deixan unha pegada indeleble nos seus alumnos”, sinalaron desde a Asociación de Nais e Pais .
Fernando Rebanal faleceu recentemente á idade de 73 anos tras dedicar toda a súa vida ao ensino. O profesor estivo sempre vinculado ao colexio Apóstolo Santiago, onde comezou a súa vida profesional sendo un dos primeiros cooperativistas do centro e un dos seus fundadores.
Ademais da comunidade educativa do centro, ao acto acudiron diversos representantes do ANPA, antigos alumnos, a edil de cultura, Cristina González, e o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, que durante a súa intervención destacou “a dedicación e a implicación persoal de Don Fernando en todos os ámbitos do ensino”.
O acto de homenaxe finalizou coa entrega dunha placa de recordo por parte do presidente do ANPA, Alberto Castro, á dirección do centro e o agasallo de toda a comunidade educativa dun ramo de flores a Pablo, fillo do mestre falecido e que actualmente tamén exerce de mestre no centro.




