- Os eventos prolongaranse durante toda a semana
Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Pazos de Borbén organizou varias iniciativas dirixidas a concienciar á veciñanza sobre a igualdade de xénero. Os actos de conmemoración comezarán o vindeiro luns e prolongaranse durante toda a semana.
O programa de eventos presentado hoxe polo goberno local arrincará o vindeiro luns coa lectura dun manifesto institucional na Casa do Concello e a representación de Felipe Díaz “ Micromachista eu?”, no salón de actos municipal. Ademais, engalanaranse as instalacións municipais con diferentes elementos para reivindicar a igualdade.
O mércores 10 de marzo, a partir das 13:00 horas no salón de actos da Casa do Concello, a actriz Raquel Queizás representará a súa obra “Cinema de historias dá man de Alice Guy, a nai do cinema”. Unha historia destinada a espertar o amor polo cinema a través da figura dunha muller, Alice Guy, a primeira persoa en dirixir cinema de ficción contando unha historia. Ademais, durante a semana o Concello publicará nas súas redes sociais varios vídeos promocionais da campaña deste ano para o 8 de marzo.
A edil de Igualdade, Eloisa Nogueira, destacou “o compromiso firme deste equipo de goberno coa igualdade desde o primeiro día. Apoiando toda clase de iniciativa e organizando por primeira vez na historia deste Concello talleres e iniciativa por e para as mulleres”.




