“Queremos que todo o mundo estea informado co fin de que si alguén así o considera poida presentar ante a Xunta as alegacións que crea oportunas a este parque que se pretende ubicar entre A Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade”
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, vén de publicar un bando informativo que será distribuído por todo o municipio co fin de informar á veciñanza da existencia dun proxecto de carácter supramunicipal que pretende instalar un parque eólico no Campo das Rosas entre os concellos da Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade.
A intención do alcalde é informar rápida e puntualmente desta iniciativa empresarial co fin de que, quen o desexe, poda dirixirse á Xunta e presentar as alegacións que considere oportuno ao proxecto presentado por Naturgy Renovables e que pretende instalar nesa zona un total de 8 aeroxeradores. Asemade o rexedor considera que coa publicación destes
bandos preténdese afondar nunha xestión transparente e accesible para a veciñanza ante proxectos de certa envergadura como o que se plantexa.
Así, este martes o Diario Oficial de Galicia (DOG) acaba de publicar unha resolución pola que se somete a información pública o estudo de impacto amibental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e declaración de utilidade pública do parque eólico Campo das Rosas que afecta aos concellos da Estrada, Campo Lameiro e CerdedoCotobade.
Segundo se desprende desta resolución, Naturgy Renovables ten previsto dedicar á posta en marcha deste parque eólico formado por 8 aeroxeradores un investimento total de 23.224.383,2 euros e unha potencia que se vai a instalar de 27,6 MW coa intención de producir enerxia media neta ou invertida á rede de 91.582 MWh/ano.
O proxecto contempla a instalación de 8 aeroxeradores de 3.450 kW, 2 estacións anemométricas de 94 metros de altura con torres autosoportadas equipadas con cinco anemómentros e 3 cataventos, 2 liñas soterradas a 30 kW de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores ata o centro de seccionamento, e varias liñas aerosoterradas entre o centro e os apoios.
Jorge Cubela manifestou que “a nosa vontade é de máxima transparencia e por eso publicamos un bando para que todo o mundo estea informado co fin de que si alguén o considera poida presentar, ante a Xunta, as alegacións que considere oportunas á construción deste parque eólico que se pretende ubicar no Campo das Rosas, entre A Estrada, Campo Lameiro e Cerdedo-Cotobade”, indicou o alcalde.




