O Concello de Moeche levará ás redes a celebración do 8 de Marzo propoñéndolle a toda a veciñanza que lles renda tributo a todas as mulleres. Avoas, nais, irmás, amigas, curmás, veciñas, compañeiras… persoas admiradas, referentes, mulleres coas que se comparte vida. Imprescindibles, ao fin e ao cabo, ás que homenaxear a través de Facebook cunha imaxe ou vídeo e un pequeno comentario de por que son iso, #asimprescindibles. A área de Igualdade pide que se compartan os post con este cancelo e que se etiquete a páxina institucional, co obxectivo de publicar o día 8 unha galería conxunta con todas as contribucións.
Abonda con subir unha foto ou vídeo e que cadaquén conte na publicación quen son as súas imprescindibles e os motivos que fan delas persoas especiais. Igualdade insiste en que se use o hashtag #asimprescindibles e en que se etiquete ao Concello de Moeche para poder recoller todas as achegas de imaxes. Quen non teña perfil nesta rede social pode enviar a súa foto ou peza gravada ao enderezo electrónico concellodemoeche@gmail.com.
O día 8 de marzo recolleranse todas as publicacións e compartiranse nunha única galería no Facebook municipal. Todas as participantes entrarán nun sorteo de varios agasallos.
Ademais desta iniciativa, o Día da Muller tamén se celebrará en Moeche o domingo 14 de marzo -18.00h., Centro Cultural Francisco Piñeiro, en Abade- coa obra Bravas: unha historia das nosas mulleres, na que Isabel Risco fai un percorrido pola historia das mulleres galegas, rescatándoas do silencio e a invisibilidade.
No caso de que o aforo do centro cultural siga limitado, a sesión poderá seguirse en streaming a través da páxina en Facebook do Concello de Moeche. As persoas que queiran asistir poden ir reservando xa as súas localidades no 981 404 006 ou enviando unha mensaxe a correo@moeche.gal.




