A bandeira feminista ondeará na fachada do Concello e elaborarase un mural do 8M fronte ás instalacións dos Servizos Sociais municipais
Coa colocación da bandeira feminista na Casa do Concello de Fene, o Departamento
de Benestar Social e Igualdade inaugura ás 14.00 horas deste venres os actos
conmemorativos do 8 de Marzo, “Día da Muller”. Por mor da situación epidemiolóxica
mundial provocada pola COVID-19 e seguindo os protocolos de seguridade marcados
polas autoridades sanitarias competentes, este ano non haberá ningún acto público
que implique a participación cidadá. O ciclo completarase cunha entrevista na Radio
Municipal ás autoras que se encargaron de elaborar o cartaz e o manifesto deste ano
e coa elaboración dun mural conmemorativo fronte ao Centro Municipal de Servizos
Sociais.
Segundo informa a Concellería de Benestar Social e Igualdade, a través do Servizo de
Atención á Muller e Promoción da Igualdade os actos previstos para este 8 de Marzo
son os seguintes:
Venres 5 de marzo, ás 14 horas, colocación da bandeira feminista na Casa
do Concello de Fene.
Luns 8 de marzo, as 10:00 horas, entrevista na emisora municipal Radio Fene
á pintora M. Dolores Fernández González (Loli de Barallobre) e a Saila Chao
López, pintora, ilustradora e autora do manifesto deste ano.
Ao longo do mes de marzo, dependendo do tempo meteorolóxico, Dolores
González e Saila Chao, xunto a outras compañeiras pintoras como Mari
Carmen García Roel, Marta Barro, Oliva Yañez ou Eva Seoane encargaranse de xeito desinteresado da realización dun mural conmemorativo en San
Valentín, fronte ao Centro Municipal de Servizos Sociais.
Seguindo as indicacións nacionais e comarcais da plataforma 8M, dende os Servizos
Sociais de Fene convídase á cidadanía a facer visible a loita pola igualdade entre
mulleres e homes coa colocación de calquera símbolo que represente a
conmemoración do 8M nas súas fiestras e balcóns: bandeiras ou teas de cor violeta,
mandilóns, símbolos feministas, frases, debuxos infantís…
Dende a Área de Igualdade do Concello de Fene, reiteran ademais o seu compromiso
continuado pola consecución dunha sociedade máis igualitaria e máis xusta,
visibilizando ás mulleres protagonistas da nosa historia local. Así, este ano queren
adicalo “ás mulleres pintoras do noso municipio, un colectivo importante e con gran
prestixio en Fene e bisbarra. Mulleres pintoras que á sua vez son mestras e
formadoras de novas xeracións de pintoras”.
MANIFESTO 8M
Como xa é tradición dende hai máis de 20 anos, o Concello de Fene convida a
mulleres do municipio a que sexan elas ás que elaboren o manifesto de xeito libre para
dar voz a todas as mulleres de onte, de hoxe e de mañá…
O manifesto deste 2021 é da autoría de Saila Chao López, pintora e ilustradora, quen
se presenta e define así:
“Nacín en Barallobre en 1980. Dende que recordo sempre pinto,debuxo e argallo.
Traballo como monitora de debuxo, pintura e teatro nun centro de persoas con
diversidade funcional. Tamén o fago para nenos e maiores en extraescolares e
asociacións.
Enfoco a pintura dende unha perspectiva terapéutica,utilizándoa como canle para
expresar os sentimentos; ben a través da forma, das cores, da temática ,dos materiais
empregados ou das ferramentas de traballo.
No teatro, traballo valores. A partir de eles, voulle dando forma ás historias, moitas
veces usando contos e lendas tradicionais.Para min a palabra ARTE implica todo o que nos rodea, dende unha sensación
efémera á máis valiosa peza dun museo.”
Amais do manifesto, o Goberno Municipal levou a Pleno este xoves, 4 de marzo, a
Declaración Institucional do Concello de Fene perante a conmemoración do Día da
Muller.




