- O alcalde anunciou novos cribados nos centros escolares para detectar casos asintomáticos
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, valorou esta mañá o recente anuncio da Xunta de Galicia sobre o nivel de risco extremo por Covid no municipio por rexistrar unha incidencia acumulada superior aos 500 casos cada 100.000 habitantes. Unha situación que, ademais dun aumento de restricións a partir do venres, motivou a realización de novos cribados masivos entre a comunidade educativa do municipio.
Así, o rexedor cualificou a situación da pandemia no municipio como “preocupante e delicada. Que nos obriga a realizar un último esforzo e ter un pouco máis de paciencia antes de poder rebaixar as restricións de novo”, ao que engadiu que “estamos por encima dos 500 casos de incidencia por só 4 contagios, estou convencido de que pronto alcanzaremos niveis moito máis baixos”.
Do mesmo xeito, o alcalde indicou a importancia de contextualizar adecuadamente as cifras de incidencia. “Fai tres semanas estabamos con 160 casos activos e unha incidencia superior aos 2000 casos por cada 100.000 habitantes e hoxe temos a cuarta parte. Os veciños están a facelo ben, pero rebaixar unha cifra tan alta en tan pouco tempo é moi complicado”, explicou Reguera.
Sobre o aumento de restricións o rexedor destacou que “é unha mala noticia para todos e un novo pau para o sector da hostalería que terá que volver pechar despois dunha semana aberto, xerándolles novamente problemas cos seus persoais, provedores, facturación…”. Por último, o rexedor confirmou que o aumento das restricións implica volver pechar os parques infantís e os centros deportivos.
Cribados xerais nos centros escolares do municipio
Ademais de valorar o aumento de restricións, o rexedor tamén anunciou que as autoridades sanitarias acaban de considerar a necesidade de realizar un cribado xeral para reducir contagios entre a comunidade educativa dos dous centros de educación pública do municipio, o CEIP Padin Truiteiro e o IES Soutomaior. As probas realizaranse previsiblemente a próxima semana, en espera das indicacións finais da Xefatura Provincial de Educación, pero desde os centros escolares xa se está comezando a solicitar as autorizacións dos pais para incluír aos menores na listaxe de realización das probas.




