O presidente dos populares de Pontevedra, Rafa Domínguez, reuniuse este venres co presidente da Autoridade Portuaria de Marín, José Benito Suárez, para abordar a continuidade da factoría de Ence en Lourizán
“Falamos dunha empresa clave, para Pontevedra, para o porto de Marín, e para toda a comarca. Preocúpanos seriamente que máis de 400 familias da cidade váianse á rúa nun momento tan dramático. É unha desgraza”
O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, reuniuse este venres co presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez Costa, para abordar a posible marcha da factoría de Ence en Lourizán e as súas consecuencias na comarca. “É unha empresa clave, moi vinculada a Pontevedra, ao porto de Marín e a toda a nosa contorna. Unha posible marcha da empresa é unha sentenza de morte para gran parte do noso tecido empresarial”, recoñeceu Domínguez ao termo do encontro. O popular definiu a situación como “límite” e subliñou a importancia que ten que Pontevedra “ofreza seguridade xurídica” ás súas empresas.
“Preocúpanos seriamente que máis de 400 familias que viven en Pontevedra e traballan na factoría vexan perigar o seu posto de traballo. Pontevedra non pode permitirse este peche, nun ano tan dramático, e cunha crise sen precedentes. O golpe vai ser durísimo”, explicou o portavoz dos populares. “Moitas pequenas e medianas empresas da cidade verán perigar a súa continuidade. E como é obvio, o porto de Marín verase moi afectado”, detallou Domínguez.
Segundo os datos facilitados pola Autoridade Portuaria, a fábrica de pasta de papel exporta a práctica totalidade da súa produción anual a través do Porto de Marín: 400.000 toneladas anuais, o que representa o 60% da mercadoría xeral convencional (non contenerizada). Cada ano chegan ao porto unha media de 100 barcos para cargar pasta de papel e prodúcense uns 14.000 movementos de camión vinculados a este tráfico, segundo expuxo o presidente José Benito Suárez Costa. “Son uns datos para ter moi en conta”, explicou o popular Rafa Domínguez, “polo que o peche levará por diante centos de postos de traballo”.
Sobre o papel do Goberno local pontevedrés, Domínguez endurece a súa crítica: “Son responsables de que Pontevedra vaia a perder o 28,16% do seu PIB. Non fixeron nada por reter á empresa, e o que é peor, favoreceron o desemprego na nosa cidade. Non coñezo a ningún alcalde que expulse ás empresas da cidade e senta orgullo facéndoo”.




