O director do organismo indicoulle esta semana ao alcalde que as actuacións directas do Instituto se centran nos concellos cunha alta demanda, cousa que non sucede no caso de Bueu, con só oito inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda Protexida
O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, ofreceulle esta semana ao alcalde de Bueu tres programas de axudas que lle permitirían desenvolver a promoción de vivendas protexidas de titularidade municipal, sen que fosen aceptadas polo mesmo. Actualmente o IGVS conta con axudas para promotores públicos e privados de vivendas protexidas, rehabilitación de vivendas de titularidade municipal e fondo de cooperación cos concellos.
Estas axudas, destinadas preferentemente a concellos de menos de 20.000 habitantes chegan ata o 90% do investimento preciso e ademais, son complementarias entre elas, de maneira que a achega do concello sería mínima.
Ademais, o Instituto Galego da Vivenda e Solo ofreceulle todo o apoio técnico necesario para levar a cabo as actuacións, como están facendo moitos outros concellos pequenos e medianos de Galicia.
As actuacións directas do IGVS céntranse nos concellos nos que existe unha maior demanda de vivenda e, polo tanto, dificultades para o acceso á mesma. A situación de Bueu é radicalmente diferentes á deses concellos, xa que a día de hoxe so existen oito persoas inscritas como demandantes de vivenda protexida no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia.
O IGVS rexeita as afirmacións realizadas polo alcalde de Bueu respecto da xuntanza telemática mantida o 4 de marzo e pon de novo á disposición do concello as liñas de axudas existentes para facilitar a creación dun parque público de vivendas de titularidade municipal.




