As iniciativas son dous dos nove proxectos seleccionados na última convocatoria do programa Fábrica intelixente e sostible
Desde a posta en marcha deste programa en 2016 téñense apoiado en total 24 proxectos que mobilizan 272,5 millóns de euros
Fábrica intelixente e sostible enmárcase na aposta do Goberno galego por modernizar a industria e asegurar o crecemento colaborando cos sectores estratéxicos da economía para convertelos en motores que mobilicen a todo o tecido produtivo, especialmente ás pemes
A Xunta publicará o luns a resolución da cuarta convocatoria do programa Fábrica intelixente e sostible que, entre outros proxectos, apoiará con máis de 2,75M€ as iniciativas NutriGen 4.0, liderada por Hifas da Terra, e Samrtstore de Galigrain.
A compañía pontevedresa Hifas da Terra contará coa colaboración de Anfaco-Cecopesca para NutriGen 4.0, un proxecto cunha axuda da Xunta de 1,5 millóns de euros que estudará a optimización integral de tecnoloxías 4.0 para realizar procesos industriais de produción continua de complementos nutricionais a escala piloto. A iniciativa permitirá manter ou crear seis postos de traballo e mobilizar 2M€ grazas a esta colaboración público-privada.
Pola súa banda, a marinense Galigrain, do grupo Nogar, liderará o proxecto Smartstore, que desenvolverá xunto con Internacional de Comercio y Servicios (ICS) e Protea Productos del Mar, tamén de Marín as dúas, e P&J Carrasco, de Vilagarcía de Arousa, contando tamén co centro tecnolóxico Cetim. Búscase con esta iniciativa, á que se lle concedeu unha axuda autonómica de 1,26 millóns de euros, investigar e desenvolver novas tecnoloxías propias da Industria 4.0 para obter avances tecnolóxicos nas principais actividades loxísticas portuarias para produtos de alta relevancia. Do mesmo xeito, desenvolveranse novas solucións nutricionais que permitan aumentar a actual carteira de produtos de nutrición animal.
A iniciativa permitirá manter ou crear 52 postos de traballo e mobilizar 3,3M€.
Xunto con Hifas da Terra e Galigrain, foron seleccionados outros sete proxectos liderados por PSA, Pescanova, Benteler, Cupa, Gri Towers, Finsa e Silicio Ferrosolar. Suman apoios públicos por 21 millóns de euros, o que permitirá mobilizar 56,8M€ na realización de actuacións en sectores estratéxicos para a economía galega, como a automoción, o alimentario, a industria da madeira, as enerxías renovables ou a loxística. As iniciativas, nas que participan 23 empresas e seis organismos de investigación, contribúen á creación ou mantemento de máis de 600 postos de traballo de alta cualificación.
Desde a posta en marcha en 2016 do programa de Fábrica intelixente e sostible, impulsado pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), téñense apoiado 24 proxectos con axudas por 72,8 millóns de euros, mobilizando 272,5M€ en sectores estratéxicos para a Comunidade.
Esta actuación enmárcase na aposta da Xunta de Galicia por unha economía máis sustentable que garante a recuperación a través da transformación ecolóxica e industrial, modernizando a industria e asegurando o crecemento, apoiándose nos sectores estratéxicos da economía para convertelos en motores que arrastren e mobilicen a todo o tecido produtivo, fundamentalmente ás pemes.




