• Cubela: “Somos conscientes de que aínda nos queda moito camiño por diante. Aínda vemos a día de hoxe a fenda laboral, a violencia machista ou o teito de cristal demasiado presentes”
O Concello de Cerdedo-Cotobade celebrou o Día Internacional da Muller cun acto nos Baños de San Xusto en homenaxe a dúas mulleres deste municipio: Julia García Tilve, que rexentou a súa panadaría “toda unha vida” para poder sacar adiante a súa familia, e a Emma Valiñas Barreiro, sanitaria que durante moitos anos coidou da saúde dos seus veciños e veciñas no centro de saúde de Cerdedo. Cabe destacar que estas dúas veciñas foron tamén concelleiras de Cotobade e Cerdedo, respectivamente.
O acto centrouse na plantación dun camelio na entrada do futuro balneario, como símbolo de lembranza a todas as mulleres galegas. Nesta homenaxe participaron membros da Corporación Municipal encabezados polo alcalde, Jorge Cubela, e concelleira de Muller e Igualdade, Galiza Aguete; a presidenta da Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO), Raquel Touriño, e veciños e veciñas que non se quixeron perder este acto. A concelleira Galiza Aguete lembrou tamén, nun día tan simbólico como é o 8 de marzo, a memoria de Rosalía de Castro cuns versos da propia poetisa para poñer en valor o seu espírito feminista.
Pola súa banda o alcalde, Jorge Cubela, manifestou que “con este acto queremos agradecer ás nosas veciñas Julia e Emma non só toda a súa traxectoria profesional, senón tamén a súa dedicación á veciñanza ao formar parte da vida política deste municipio”. En relación ao 8-M, Cubela destacou “somos conscientes que aínda nos queda moito camiño por diante. Aínda vemos a día de hoxe a fenda laboral, a violencia machista ou o teito de cristal. Desexo que o empoderamento, a sororidade e a igualdade sigan medrando na nosa sociedade, como o fará moi pronto este camelio, o cal lembrará todos estes valores a todos os futuros visitantes dos Baños de San Xusto”.




