- O Concello agasallou flores moradas a todos os traballadores municipais
Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Pazos de Borbén organizou varias iniciativas dirixidas a concienciar á veciñanza sobre a igualdade de xénero. Os actos de conmemoración comezaron esta mañá coa lectura dun manifesto institucional e prolongaranse durante toda a semana.
Ademais da lectura dun manifesto contra a violencia de xénero, no exterior da Casa do Concello, o salón de actos acolleu a representación de Felipe Díaz “Micromachista eu?” á que asistiron os alumnos do CPI Curros Enríquez. Ademais, engalanáronse as instalacións municipais con diferentes elementos para reivindicar a igualdade.
Do mesmo xeito, o Concello fixo entrega dunha planta de flores moradas a todos os traballadores municipais e durante estes días plantará un centenar destas flores nos xardíns municipais da Casa do Concello e a biblioteca.
O mércores 10 de marzo, a partir das 13:00 horas no salón de actos da Casa do Concello, a actriz Raquel Queizás representará a súa obra “Cinema de historias dá man de Alice Guy, a nai do cinema”. Unha historia destinada a espertar o amor polo cine a través da figura dunha muller, Alice Guy, a primeira persoa en dirixir cine de ficción contando unha historia. Ademais, durante a semana o Concello publicará nas súas redes sociais varios vídeos promocionais da campaña deste ano para o 8 de marzo.
A edil de Igualdade, Eloisa Nogueira, destacou “o compromiso firme deste equipo de goberno coa igualdade desde o primeiro día. Apoiando toda clase de iniciativa e organizando por primeira vez na historia deste Concello talleres e iniciativa por e para as mulleres”.




