A situación actual é dunha evidente mellora da situación epidemiolóxica, con 0 casos nos últimos 3 días e 1 caso nos últimos 7 días.
José Miguel Alonso Pumar explicou que “a táboa a 14 días leva moito tempo sinalando 11 casos pero temos constancia de que, destes, hai polo menos 7 que están a facer vida normal”.
O Concello de Cariño trasladou á Consellería de Sanidade a súa absoluta desconformidade e a de todos os veciños e veciñas do municipio pola decisión tomada polo Comité Clínico que asesora á Xunta de manter a Cariño no nivel de risco alto e solicitan que se reconsidere e aplíquese o nivel de restricións medio.
Nin o goberno local nin o conxunto do pobo cariñés entenden que se tome esta decisión sendo desde o Sergas coñecedores da evidente mellora da situación epidemiolóxica, rexistrándose 0 casos nos últimos 3 días e 1 caso nos últimos 7 días.
En base ao criterio dos últimos 7 días a Consellería de Sanidade decidiu aplicar a Cariño o nivel de restricións máis alto. “Comprendémolo xa que, debido ao rápido aumento dos casos, era necesario detectar e conter a propagación dos contagios”, explica o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar.
Pero agora o rexedor pide que “se aplique ese mesmo criterio á inversa. É dicir, se temos 1 caso nos últimos 7 días e ese criterio era válido á hora de aplicar medidas máis restritivas tamén debería terse en conta á hora de aliviar as restricións”.
Alonso Pumar explicou que “a táboa de casos detectados nos últimos 14 días leva moito tempo sinalando 11 casos pero temos constancia de que desas 11 persoas hai polo menos 7 que están a facer vida normal e o resto estarano nos próximos días”. Lembrou tamén que “desde un primeiro momento foron brotes moi localizados xa que se cinguían a dúas familias e desde que se detectaron e se cribaron estaban totalmente controlados”.
Desde o Concello considérase que a realidade actual de Cariño corresponde a un nivel medio de restricións e por iso o alcalde incide en que “estamos de acordo en que a prudencia debe primar á hora de tomar decisións pero neste caso, e dada a evidente mellora da situación epidemiolóxica que lanzan os datos, manter sen motivo o nivel de risco alto xera uns graves prexuízos económicos e sociais aos veciños e veciñas de Cariño en xeral e ao comercio local e á hostalería en particular”.




