O Pleno de Boqueixón ratificou na sesión ordinaria celebrada onte a reelección do xuíz de paz do Concello. Das tres candidaturas presentadas ao proceso, considerouse que a máis axeitada, coincidindo coa proposta da Alcaldía, foi a de Xulio Devesa Regueiro, que renova o seu posto logo de catro anos desenvolvendo este labor.
Por outra banda, a sesión plenaria de onte deu luz verde á resolución dos recursos de reposición ao acordo do Pleno con respecto á desafectación dun camiño en Senande-Lamas.
Na parte final do pleno, o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, actualizou a información sobre os casos de COVID-19 no municipio. Segundo indicou o rexedor, “dacordo cos datos de Sanidade, non se rexistraron casos de coronavirus no municipio nos últimos 14 días”. Neste senso, Fernández Munín celebrou que “nun mes pasaramos de 109 casos a 0, se ben non nos podemos confiar”. Por iso, apelou “á responsabilidade da veciñanza para poder manter esta situación”.
Ademais, Fernández Munín anunciou tamén a próxima celebración dun pleno extraordinario para debater os orzamentos 2021. A devandita sesión terá lugar neste mes de marzo.




