O Consello de Participación Veciñal debaterá proximamente a segunda liña de subvencións, nese caso para actividades e investimentos do presente exercicio
O Boletín Oficial da Provincia deste mércores 10 de marzo publicou canda ás bases das bolsas escolares unha convocatoria específica para as asociacións e entidades de San Sadurniño coa finalidade de axudarlles cos gastos correntes efectuados durante o último ano. A partida total para estas subvencións ascende a 3.000 euros e diríxense unicamente a aqueles colectivos que non suscriban convenio nominativo co Concello. Poderán solicitarse até o 30 de abril de maneira presencial ou a través da Sede Electrónica municipal. Esta cantidade non será a única que se destinará a colaborar co tecido social e deportivo do concello, xa que proximamente se reunirá o Consello de Participación Veciñal para abordar as previsións das entidades de cara a este ano e sacar unha segunda liña de axudas para actividade e investimento.
As bases xa publicadas no BOP establecen os criterios para a concesión de subvencións que compensen no posible os gastos correntes soportados entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de marzo deste mesmo ano. Neste sentido as axudas poderán solicitarse para os seguintes conceptos:
Gastos de mantemento, mellora das instalacións e equipamento das asociacións e entidade sen fin de lucro que dispoñan de instalacións en propiedade.
Gastos de funcionamento ordinario, como telefonía, electricidade, limpeza, papelaría, seguros de responsabilidade civil, etc.
Gastos en materiais de prevención da COVID-19
E tamén outros gastos ordinarios aos que os colectivos tivesen que facer fronte no último ano.
Estas axudas están abertas a todas as entidades veciñais, culturais e deportivas de San Sadurniño que non asinen convenio anual co Concello e, ademais, serán compatibles con outras concedidas para a mesma finalidade, aínda que sen superar en conxunto o importe dos gastos que se presenten como xustificación.
A solicitude das subvencións limítase a catro documentos: a propia folla de solicitude coa relación de gastos para os que se pide a axuda e o seu importe, unha certificación do número de persoas socias e do acordo da directiva de acollerse á convocatoria, unha declaración conforme a entidade pode percibir subvencións e, por último, -de ser o caso- unha declaración específica para aqueles colectivos que dispoñan de local propio ou en aluguer (só Igrexafeita e Naraío, posto que o resto exercen a súa actividade en recintos municipais).
A asignación dos fondos entre aquelas solicitudes que cumpran os requisitos farase mediante unha sinxela fórmula e, ademais, as peticións pasarán por unha comisión cualificadora con representación do equipo de goberno e dos tres grupos municipais, ademais dun traballador ou traballadora do Concello que exercerá a función de secretariado.
Unha vez presentadas as solicitudes, as asociacións terán de prazo até o 30 de abril para achegar a documentación xustificativa dos gastos.
Convocatoria de axudas para 2021
A finalidade desta liña de subvencións extraordinaria é colaborar cos gastos fixos soportados polas entidades durante todo 2020 e o primeiro trimestre de 2021. Un período sen practicamente actividade -salvo algúns colectivos-que se agarda poder recuperar na medida en que a pandemia vaia indo a menos.
Por este motivo o Concello convocará proximamente a xuntanza do Consello de Participación Veciñal, órgano polo que pasan os borradores das convocatorias anuais de axudas para investimentos e actividade. Nesa asemblea, cuxa data aínda non se concretou, poranse en común as previsións das asociacións de cara a este ano, tendo en conta a imposibilidade de saber neste momento cal vai ser a evolución da situación sanitaria.
Nesa reunión poranse en común avances de programas -de habelos- e cuestións concretas que precisen os colectivos, co obxectivo de deseñar unhas bases para este ano que se axusten ás súas necesidades.




