• O alcalde dirixiu un escrito a responsables de Consumo da Xunta para que interveña para poñer fin a unha situación que se prolonga no tempo e que se produce de xeito reiterado
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, enviou un escrito a responsables de Consumo da Xunta de Galicia para expresar a súa enérxica protesta polo trato inadecuado que a compañía Movistar está dedicándolle aos seus abonados neste municipio
sometidos a reiteradas avarías cuxa resolución se prolongan excesivamente no tempo.
Os últimos casos detectados desde o Concello de Cerdedo-Cotobade teñen como punto neurálxico aos veciños que residen na zona de Almofrei, Barro de Arén (no territorio de Cerdedo) e non hai moito tempo aos de Borela que botaron días e días aillados telefónicamente e sen que se lle resolvera a avaría detectada.
O alcalde Jorge Cubela manifestou tamén aos responsables para esta zona da compañía Movistar a súa total disconformidade en como estaban acometendo este problema que sufren de xeito reiterado e recurrente os teléfonos fixos en numerosas zonas do municipio que impiden aos veciños e veciñas poder comunicarse a través deste servizo dun xeito normal, incluso con imposibilidades de facer consultas ou solicitar axuda ao propio Concello.
Jorge Cubela instou aos responsables de Movistar a solucionar de inmediato a avaría ou a poñer solucións técnicas intermedias aínda que sexa desde a provisionalidade para solventar un problema que no é aillado e que están padecendo moitos lugares do municipio.
O alcalde considera que o nivel de comprensión e paciencia dos usuarios de Movistar xa acadou os límites admisibles e prega que se faga un esforzo definitivo para subsanar a avaría canto antes ou non se descarta que, por parte do Concello, se inicien tódalas accións oportunas para esixir responsabilidades ante esta situación.




