Na actualidade xa están en disposición máis de 29 millóns procedentes dos 12,9 de investimentos contemplados no orzamento de 2021, e da incorporación de remanentes de 2020.
Incorporaranse 14 millóns máis de remanentes de tesourería grazas a que está en suspenso a Lei Montoro, e destinados a proxectos nos que xa traballa o Goberno.
O Concello de Pontevedra está en disposición de incrementar os investimentos para o ano 2021 até os 44 millóns de euros de fondos propios, tal e como revelan as contas da Liquidación do Orzamento de 2020. Segundo explicou esta mañá o concelleiro de Economía e Facenda Raimundo González: “Nunca se xestionou neste Concello tal cantidade de investimento de fondos propios”. O concelleiro explicou que a elaboración da liquidación de 2020 adiantouse un mes para incrementar os investimentos de 2021 pasando de 12,9 millóns que figuran no orzamento, a 44 millóns “que permitirán reactivar a economía local”. Os parámetros máis destacados da liquidación do Orzamento de 2020 son: • Ingresos: 76.718.000 euros • Gastos: 69.893.000 euros • Remanente de tesourería: 24.240.000 euros • Superávit: 1.754.000 euros • Débeda municipal: 7.940.000 euros, é dicir, o 11% dos dereitos recoñecidos, e unha débeda que se retrotrae a hai 35 anos. Gabinete de Comunicación. Alcaldia comunicacion2@pontevedra.gal www.pontevedra.gal “A situación financeira do Concello é moi boa”, concluía Raimundo González quen explicou que coa Lei Montoro en suspenso “poderemos usar todos os recursos para abordar a crise económica. Imos usar todas as ferramentas para poder reactivar a economía local”. Na actualidade o Concello xa fixo unha incorporación de 13.976.000 euros de remanentes do pasado orzamento destinados a partidas comprometidas do ano anterior, que se veñen a sumar aos 12,9 millóns de investimento contemplados no orzamento de 2021. A maiores poderá incorporar 14,2 millóns de euros nunha vindeira modificación de crédito para proxectos e iniciativas aínda por concretar, pero nos que xa traballa o Goberno. Esta modificación poderá facerse no mes de abril ou maio, ao máis tardar. Finalmente, a estas partidas incorpóranse 2,5 millóns procedentes de distintas subvencións como o canon da auga ou o millón de euros solicitado para renovar o alumeado dos tres Xeves. “Non estamos falando de números en abstracto, senón que estas contías suporán arredor de 2.100 postos de traballo durante os vindeiros dous anos”, e permitirán incrementar os investimentos municipais en 2021 até os 100 millóns de euros, ao incorporar os 58 millóns de investimento do contrato da auga. “Temos a obriga de sacarlle o máximo rendibilidade aos recursos públicos porque vai repercutir nos veciños”, explicou Raimundo González.




