Mañá, domingo 14 de marzo, terá lugar no Centro Cívico do Concello de Malpica ás 18:00 horas a escenificación da obra “O meu mundo non é deste reino”, por parte da compañía Teatro da Ramboia.
Sinopse:
Un par de maleantes chegan a unha parada no seu camiño despois de días de longa viaxe cara á Feira do Vento. Traen consigo unha carga enorme de todo tipo de obxectos estraños: cortinas rimbombantes, paus de todos os tamaños, bolsas das que despuntan teas dunha chea de tecidos e cores distintas, e algo que parece ser unha enorme e aparatosa mochila de madeira.
Asombrados ante a abundancia de público, dispóñense a situar as súas pertenzas no espazo con ánimo de venderlle algunha aos alí reunidos. Como os máis experimentados vendedores de fume, deixan o seu ben máis atesourado para o final; un tutilimundique contén nos seus interiores ao condenado reino de Bululú e os seus habitantes. E así, dáse comezo á farsa.




