HomeA CoruñaA CoruñaA Xunta e a Universidade da Coruña colaboran na xestión dos recursos...

A Xunta e a Universidade da Coruña colaboran na xestión dos recursos hídricos en Mozambique para mitigar o impacto do Cambio Climático

- Anuncio -spot_img

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente do Padroado da Fundación Universidade da Coruña, José María Barja, asinaron hoxe o acordo para fortalecer as capacidades técnicas neste país mediante a cooperación

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o presidente do Padroado da Fundación Universidade da Coruña, José María Barja, asinaron hoxe o convenio de colaboración para poñer en marcha o proxecto de cooperación Aquamoz en Mozambique, que conta cun orzamento de 125.000 euros por parte do Goberno galego. O acordo está destinado a contribuír á prevención e mitigación do impacto do cambio climático no país africano en episodios de seca a través do fortalecemento das capacidades técnicas e operativas para a mellora da xestión dos recursos hídricos.

Ao acto tamén acudiron o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o apoio continuado nos últimos anos do Goberno galego a Mozambique que é un dos países prioritarios da Cooperación Galega. De feito, esta iniciativa enmarcase no Plan Anual 2021 da Cooperación Galega. Ao mesmo tempo inclúese no IV Plan Director 2018-2021, que entre os seus obxectivos garantir o acceso á auga e ao saneamento dos colectivos máis vulnerables.

Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, puxo en valor o proxecto de cooperación ‘Aquamoz’, hoxe renovado por dous anos máis coa Universidade da Coruña, ao buscar un plan de acción para axudar á administración de augas da rexión sur de Mozambique. Destacou a achega autonómica, que permitirá desenvolver os traballos necesarios e empregar as tecnoloxías e metodoloxías que se adapten á realidade do país africano co obxectivo de mellorar o control e a xestión dos eventos de seca.

Lembrou que nunha primeira fase se logrou desenvolver unha metodoloxía para a vixilancia da seca nas bacías dos dous principais encoros do sur do país e deseñar as liñas básicas para a xestión deste risco en toda a rexión. Coa segunda fase, no marco do convenio hoxe asinado, apuntou que se pretenden ampliar as zonas de control, desenvolver manuais de referencia para o monitoreo da seca e pór en marcha os procedementos de xestión na área sur para estendelos ao conxunto do país.

Ethel Vázquez fixo fincapé en que Galicia é un referente de apoio na xestión da auga para Mozambique, ademais de ser un importante axente de cooperación internacional. Neste sentido, salientou que o Goberno galego reforza o seu compromiso para a consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 relacionados coa auga, onde se aposta por ampliar o apoio a terceiros países na xestión deste recurso.

O proxecto axuda ás administracións rexionais de Augas (ARAs) deste país na súa planificación e xestión dos recursos hídricos, intercambiando o coñecemento e de Augas de Galicia e dos profesionais e estudos da Universidade da Coruña. Ambos contan con experiencia noutros programas de cooperación ao desenvolvemento. De feito, a Xunta leva a cabo distintos programas en países cun baixo índice de desenvolvemento por medio da cooperación técnica e económica.

Publicacións Relacionadas