HomeA CoruñaO Pleno de Frades solicítalle ao Estado, Xunta e Telefónica que cubran...

O Pleno de Frades solicítalle ao Estado, Xunta e Telefónica que cubran os 19 núcleos de poboación que carecen de fibra óptica

- Anuncio -spot_img

Outras cincuenta entidades de poboación pasarán a dispoñer de fibra óptica ao longo deste ano 2021

O Pleno Municipal de Frades aprobou por unanimidade solicitar a cubrición das 19 zonas brancas 2020, é dicir, 19 núcleos de poboación que non teñen cobertura nin previsión de despregamento de fibra óptica ou outra solución de conexión a internet. Unha petición que os grupos municipais acordaron formular tanto á Secretaría de Estado de Telecomunicación e Infraestruturas Dixitais do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital; como á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta de Galicia e ao operador Telefónica SA, por ser o operador con maior presencia no municipio.

Os 19 núcleos con zonas brancas en Frades son: Gasalla (Abellá), Aboi e Campoduro (Céltigos), Outeiro e Reboredo (Galegos), Receá (Ledoira), Canedos (Mesos), Garabanxa (Moar), Consello, Prado, Quintá, Vimieiro e Zochal (Papucín) e Casal, Currillos, Loureiros, Reboredo, Uceira e Vilarxoán. A maiores, solicitouse a inclusión da parte restante en Cimadevila (Frades) e en Moar (Moar).

Cincuenta núcleos este ano

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que “grazas ao Plan de Banda Larga 2020 da Xunta e co Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración do Estado, cincuenta núcleos de poboación de Frades que carecían deste servizo pasarán a dispoñer de fibra óptica ao logo deste ano. Por iso, pedímoslles que inclúan en próximas convocatorias as 19 zonas brancas existentes, unha petición que lle trasladamos a Telefónica xa que son os operadores os que solicitan as axudas para cada zona e Telefónica é o operador principal en Frades”.

De feito, Telefónica vén de iniciar estes días os traballos de despregue da fibra óptica, que continuarán ata finais de ano, nas parroquias de Abellá (Ar, Barreiro, Canedo, Castro, Cheda, Fondevila, Fontao, Fontemouro, Gándara, Peñasco, Pibideira, Pomariño, Sobre dos Campos e Taberna), Añá (Bouzamonte, A Igrexa, San Paio, Sanamil, Tarrentos, Devesa, Fonsá e Fontelo), Céltigos (Alemparte e A Igrexa), Frades (San Martiño e San Amaro), Gafoi (Currás, Lapelas, Ponte Carreira, Raselo e Sibío), Galegos (Pazo, Ponte e Vista Alegre), Ledoira (A Igrexa, Rivadas e Vilar), Mesos (Caboladrón e Figueira), Moar (Fonte Santaia, Queirís, Vilarello e Pedreira) e Papucín (Carballal, A Igrexa e Outeiro).

Mocións

Na quenda de mocións, PSOE e PP aprobaron sendas propostas a prol da igualdade de xénero e retiraron outras dúas: os socialistas unha sobre axudas á hostalería e os populares outra sobre bonificacións da AP-9. O PSOE aprobou unha moción na que insta á Xunta “a que incremente o financiamento do Servizo de Axuda a Domicilio, que permanece conxelado desde 2012, e se preste coa máxima calidade”, asegurou o seu voceiro municipal, Enrique Astray. A proposta saíu adiante cos 4 votos a favor de PSOE e BNG, e coa abstención do grupo popular, cuxo voceiro, Manuel Marzoa, lembrou que “no acordo inicial dicíase que cada Administración, Estado e Galicia, debería aportar o 50%. En Frades temos 18.600 horas e 36 persoas usuarias, e a Xunta achega 180.420 euros, o Concello 50.922,27 e as persoas usuarias 31.866 euros”.

Tamén saíu adiante, desta vez por unanimidade, unha moción do PP para instar ao Goberno a baixar o IVE dos salóns de peiteado do 21% ao 10%. “É unha medida necesaria para a supervivencia do sector, que fixo pechar máis de 300 negocios en toda España e que tivo que afrontar uns gastos moi importantes para adaptar os seus negocios á nova realidade”, explicou Manuel Marzoa. Frades conta na actualidade con seis salóns de peiteado.

A derradeira moción dos socialistas non foi aprobada, ao contar unicamente cos 3 votos a favor do PSOE, a abstención do BNG e os votos en contra do PP. O PSOE quería amosar o rexeitamento do Pleno de Frades á modificación da Lei de Saúde e a elaboración dunha alternativa co consenso de todas as forzas políticas e axentes sanitarios. O PP xustificou o seu voto en contra en que “é unha ferramenta útil para actuar que xa debería ter adoptado o Goberno Central”.

Publicacións Relacionadas