Desde o pasado mes de xullo emitíronse preto de 25.000 tarxetas para as que o Goberno galego puxo á disposición da Cruz Vermella 26,5 millóns de euros
A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou que a Tarxeta Básica deu unha resposta áxil e eficaz a máis de 40.000 galegas e galegos no que levamos de pandemia. A titular do departamento autonómico fixo balance deste programa pioneiro do Goberno galego durante un acto na sede da Cruz Vermella na Coruña, no que estivo acompañada do delegado da Xunta na provincia, Gonzalo Trenor, e no que se presentou unha campaña para incrementar a súa implantación.
A conselleira lembrou que, en menos dun ano, emitíronse preto de 25.000 tarxetas para as que o Goberno galego puxo á disposición da Cruz Vermella 26,5 millóns de euros. Así mesmo, o seu bo funcionamento levou á Xunta a incrementar a súa vixencia. Se ben naceu no pasado mes de xullo cunha duración inicial de tres meses, ampliouse o seu funcionamento ata o mes de xuño deste ano 2021.
Por outro lado, tamén recordou que esta axuda atende ao número de membros de cada unidade familiar. Así, para os fogares unipersoais, esta tarxeta concede 150 euros ao mes para a compra de alimentos, produtos de hixiene ou farmacia. No caso dos fogares con dous membros, a axuda mensual é de 200 euros; e para as familias con tres membros ou máis, concédense 300 euros ao mes.
Resposta sen precedentes
Fabiola García sinalou que a situación provocada pola covid-19, da que se cumpre un ano, non conta con ningún precedente recente. Por este motivo, afirmou, os efectos sociais e económicos tamén tiveron unhas dimensións nunca vistas, e “o Goberno galego debía dar unha resposta igual de extraordinaria”. Neste sentido, recalcou que a Tarxeta Básica logrou ser unha axuda urxente, coordinada e sen estigmas.




