As concellerías de Deportes e Educación poñen en marcha un programa de entrevistas coa finalidade de que as e os estudantes da nosa cidade poidan afondar nas experiencias das e dos deportistas desde un punto de vista máis humano e próximo
A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, e o edil de Educación, Jesús Celemín, acompañados do atleta Andrés Díaz, presentaron esta mañá o ciclo “Coruña Olímpica. Achegando o soño ás nosas e nosos estudantes”, que o Concello pon en marcha dirixido a escolares de 3.º, 4.º, 5.º e 6.º de Educación Primaria de centros educativos públicos e concertados da cidade.
O ciclo consiste nunha serie de entrevistas a través das cales se dará a coñecer a
experiencia deportiva, pero sobre todo a persoal dalgunha destas persoas deportistas
coruñesas. Para acadar un maior dinamismo e interese, a entrevista, realizada pola
xornalista Lis Franco, verase salpicada polas preguntas que o propio alumnado lle poida
facer ás persoas protagonistas.
O concelleiro de Educación sinalou que a finalidade desta iniciativa é “coñecer máis de
preto o traballo, a disciplina, a mentalidade e a forma de ver a vida das e dos deportistas”.
Para Celemín tratase dunha iniciativa nova que lle permitirá ao alumnado descubrir o
percorrido das e dos deportistas até chegar á elite.
Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, lembrou que “a pandemia
roubounos os Xogos 2020, pero non o talento das e dos deportistas coruñeses que
participaron ao longo da historia dos Xogos” e que para Tokio buscan praza Alberto Seoane
(tenis de mesa adaptado), Jacobo Garrido (natación), Julia Benedetti (skateboard), Víctor
Castro (halterofilia), Enmanuel Reyes (boxeo) e Alberto Gaitero (judo).
Canto a Andrés Díaz, o atleta cualificou a iniciativa coma “unha ferramenta moi importante
para fomentar o deporte e educar en valores olímpicos e deportivos”. Considera que a
mellor maneira de comunicar é a través do exemplo e todas e todos os deportistas que
participarán nas charlas “foron educadas/os na cultura do esforzo, o compañeirismo a
superación, o respecto, o compromiso”. Por iso, confía en que “poidamos influír a través das
nosas experiencias cara á práctica do deporte e unha educación en valores” . Gustaríalle
que as nenas e os nenos entendesen o lema olímpico non só como a busca dun resultado,
senón como un exemplo de superación constante e de mellora que se pode trasladar á vida
académica e persoal. “Sería estupendo que despois das charlas algunha nena o neno
tivese o soño que tivemos nós de ser olímpicos/as”, dixo.
Para este ciclo de entrevistas contamos coa participación das seguintes persoas deportistas
olímpicas coruñesas (suxeito a algún cambio pola axenda das/os participantes):
Andrés Díaz (atletismo) 6 de maio;
Roberto Naveira (judo) 22 de abril
Pucho Boedo (judo adaptado) 13 de maio
Indalecio Iglesias (tenis de mesa adaptado) 28 de abril
Victorino González (judo) 15 de abril
Sofía Toro (vela) 8 de abril
Paula Medín (rugby) 20 de maio
O ciclo comeza o vindeiro 8 de abril e terá lugar todos os xoves de abril e maio en horario
de mañá, cunha duración dunha hora




