O Edificio Castelao do Museo acolle o mércores 24 ás 19 horas unha conferencia sobre o fotógrafo galego máis internacional
Co gallo da exposición ‘José Suaŕez 1902-1974’ os comisarios Xosé Luís Suárez Canal e Manuel Sendón ofrecerán unha conferencia o vindeiro mércores 24 de marzo sobre a vida e a obra do que foi o fotógrafo máis internacional de Galicia tanto pola relevancia das súas creacións como pola súa traxectoria nómada polo mundo.
A conferencia, que será ás sete da tarde no espazo acristalado do Edificio Castelao, leva por título ‘Unha vida, unha obra’ e estará dividida en dúas partes, unha da que se fará cargo Suárez Canal que versará sobre ‘José Suárez, unha vida’, e a segunda, de Manolo Sendón, que afondará sobre as características da súa fotografía. Debido ás restricións actuais o aforo será limitado polo que as persoas que queiran asistir deberán inscribirse enviando un correo a educación.museo@depo.es.
Afondarase sobre como vívía Suárez nos anos 30 en Salamanca, como lle influenciaron intelectuais como Unamuno, e como vivía a súa terra, para pasar despois no 36 ao exilio en Arxentina lonxe da súa muller, feito que marcará toda a súa vida persoal. Relatará a súa relación coa xente galega do exilio, as súas viaxes a Punta del Este e a Xapón ou o seu regreso a España “nun momento equivocado” co franquismo aínda presente para “ver viva á súa nai”, deixando de lado o recoñecemento que tiña no exilio na Arxentina. Tamén falará do seu final suicidándose en A Guarda sumido nunha fonda depresión.
Pola súa banda, falarase das características das imaxes de Suárez, diferentes a todos os fotógrafos da súa época en Galiza. Narrará o seu uso das vangardas e subliñará a súa visión cinematográfica e de foto escenificada, con picados, contrapicados e debedora do construtivismo ruso e da nova obxectividade alemana dende unha perspectiva humanista, entre outras cuestións .




