No encontro virtual, que terá lugar os días 23, 24 e 25 de marzo, expoñeranse distintas actuacións encamiñadas a acadar cidades máis sustentables
O Concello participará no cumio virtual de innovación Connecting Nature, que se realizará do 23 ao 25 de marzo, onde presentará o proxecto de Rede de Hortas Urbanas, unha iniciativa que foi recentemente premiada pola Federación Española de Municipios e Provincias como boa práctica na categoría de Solucións Baseadas na Natureza.
O cumio de Innovación, organizado por Greenspace Scotland e o Concello de Glasgow,
reunirá a unha audiencia internacional para explorar distintas vías encamiñadas a construír
urbes máis verdes e máis sustentables que lle brinden beneficios á cidadanía a través das
solucións baseadas na natureza. No encontro, expoñeranse proxectos innovadores de
varias cidades de Europa e o do resto do mundo, que servirán para analizar os métodos
que están a ser desenvoltos polas socias e socios do proxecto europeo Connecting Nature
co fin de aproveitar os beneficios da natureza nas cidades.
Coa implantación deste proxecto, o Goberno local de Inés Rey busca conseguir máis
espazos naturais na cidade. Para a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, trátase
dunha excelente oportunidade para que cidades tan urbanas como A Coruña camiñen de
maneira firme na súa transición ecolóxica. Fontán mostrouse moi satisfeita de que a cidade
forme parte dun programa que serve para crear zonas verdes e buscar vías de economía
circular, ademais de minimizar o impacto ambiental e garantir un consumo sustentable.
O evento estará aloxado nunha plataforma virtual con paneis de discusión, presentacións,
obradoiros e oportunidades para conectar con outras persoas participantes. O rexistro para
asistir ao encontro está aberto e é completamente gratuíto




