A lexislación autonómica permite tramitar este tipo de proxectos á marxe do ordenamento vixente sempre que se emita unha manifestación de servizo para a cidadanía.
O Concello de Ourense aprobou esta mañá, en xunta de goberno local, un informe no que declara que a ampliación do CHUO é un “proxecto público de urxencia ou especial interese”. Este trámite permitirá a execución de obras á marxe do ordenamento vixente, segundo recolle a lexislación autonómica (Lei de Galicia 3/2016). Desde o goberno municipal considérase que se trata dunha actuación de interese para a cidadanía ao tratarse dunha dotación sanitaria.
Esta declaración para a ampliación do CHUO foi un dos temas tratados na axenda do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e supón un avance na mellora das infraestruturas de atención sanitaria na nosa cidade.
Ademais deste, a xunta de goberno local, que contou coa asistencia do alcalde e dos concelleiros de DO Armando Ojea e Telmo Ucha, así como da concelleira Flora Moure (PP), deu conta doutros 42 asuntos.
Avogacía Consistorial (16). Nove sentenzas, un auto e seis comparecencias.
Sentenzas. A xunta de goberno coñeceu catro sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia:
A que desestima o recurso de apelación interposto por Desarrollos Comerciales de Ocio e Inmobiliarios de Ourense S.A., contra a sentenza do Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 que desestimou o recurso interposto contra o acordo da Xunta de Goberno Local de 8 de febreiro de 2018, pola que se denegou a aprobación dos Estatutos e Bases de Actuación do Sector de Solo Urbanizable de Fonsillón-A Farixa.
A que desestima o recurso promovido pola comunidade de propietarios do edificio situado na Avenida de Marín 10 contra a sentenza ditada polo Xulgado Contencioso-Administrativo número 2, que lle ordena ao Concello tramitar e resolver o expediente de reposición da legalidade urbanística incoado por Decreto da Concellería de Urbanismo en relación coa recuperación dun espazo público invadido pola construción dun peche na Av. de Marín 4, 6, 8, 10 e 12
A que desestima o recurso de apelación interposto por Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) contra a sentenza previa do Contencioso número 1, que determinou a responsabilidade de ADIF de estabilizar un noiro na rúa de Río Arnoia.
A que anula a multa de 1.000 euros que lle impuxo o Tribunal Administrativo de Contratación de Galicia a unha entidade mercantil que impugnara o artigo 15 do prego de cláusulas administrativas do servizo de axuda a domicilio. Aínda que o Concello non interveu na imposición da multa, a lei determina que é a administración demandada
Ademais, tres sentenzas ditadas polo Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 que desestiman diferentes recursos: o dunha particular á que se lle desestimou unha subvención para a rehabilitación dunha vivenda no centro histórico; unha reclamación tributaria; e a solicitude realizada por dous particulares que reclamaban a devolución do pago do IBI dos anos 2014 a 2017 e a liquidación do exercicio de 2018
Tamén se coñeceron dúas sentenzas ditadas polo Xulgado Contencioso-Administrativo número 1:
A primeira recoñécelle a un policía municipal o dereito a que se lle retribúan os pluses de nocturnidade e festividade durante un período de 3 meses no que estivo de baixa por incapacidade temporal, por importe de 1.205,54 euros.
A segunda desestima o recurso interposto por dous particulares contra a resolución do Concello que desestimou unha solicitude de devolución de ingresos tributarios.
Auto. Coñeceuse o Auto ditado polo Xulgado Contencioso-Administrativo número 1, que acorda a medida cautelar de suspensión da execución do acto administrativo impugnado, relativo a liquidacións tributarias.
Comparecencias. O Concello deberá presentarse en seis citacións xudiciais
Diante do Xulgado de Instrución num. 3 en calidade de prexudicado nas dilixencias previas que se seguen pola comisión dun delito furto e danos en bens de titularidade municipal e asistir a senllos axentes de Policía local nun xuízo e nunhas dilixencias previas no mesmo xulgado.
Diante do Xulgado do Contencioso-Administrativo núm. 2 en dous procedementos abreviados en materia de responsabilidade patrimonial, interposto por senllos particulares polos danos sufridos no seu vehículo por importe de 300 euros ao chocar cunha tapa dun sumidoiro na rúa Río Mao, e polas lesións sufridas por mor dunha caída no parque de Peñaredonda, no barrio de Barrocás, por importe de 35.371,81 euros.
Finalmente, o Concello exercerá accións xudiciais para reclamar danos en bens de titularidade municipal, ocasionados por un vehículo nunha pedra ornamental na Rúa Desengaño por importe de 126,72 euros.
Licenzas (1). Concedeuse licenza para a reforma dun piso en Barrocás.
Aperturas (3). A xunta de goberno concedeu licenzas para os proxectos de execución e adaptación de locais para unha carnicería, para unha clínica dental e para o local da Asociación Española Contra o Cancro.
Planeamento urbanístico (2). Ademais de declarar proxecto de interese público o proxecto de ampliación do CHUO, o Concello rexeita o valor que os propietarios dunha zona verdeo na Cruz Alta lle dan a súa expropiación (por ministerio de lei) da mesma. Será o Xurado de Expropiación de Terreos, organismo dependente do goberno autonómico, quen fixe o prezo polo que o Concello deberá adquirir ese terreo.
Patrimonio (17). Desestimáronse 10 reclamacións de responsabilidade patrimonial por caídas en diferentes puntos da cidade, ben por non reunir os requisitos legalmente esixibles, ben por non ser o Concello de Ourense a administración competente para resolvelas. Mesmo resultado para as 5 reclamacións por danos ocasionados en vehículos por caída de pólas de árbores, por danos dos vehículos de limpeza, etc.
Ademais, desístese de incoar expediente contra unha empresa eléctrica -por atoparse a mercantil en liquidación e non poder obter o resarcimento de 1.966,42 euros que se solicitan- polas lesións sufridas como consecuencia do desprendemento dun soporte de alumeado de festas en xuño de 2018.
O último asunto é recoñecer un gasto de 23,93 euros en favor do xulgado contencioso-administrativo número 2 de Ourense.
Persoal e Recursos Humanos (2). Por unha parte, incóase expediente de revisión de oficio do convenio de colaboración asinado en agosto de 2019 entre os concellos de Ourense e do Carballiño para o reforzo policial durante a Festa do Pulpo, xa que os seis axentes reclaman o salario desa xornada. Os interesados teñen dez días para presentar alegacións antes de que se formule u nha proposta de resolución.
Por outra parte, recoñécese un gasto de 601 euros en virtude dunha sentenza favorable a unha traballadora municipal no eido laboral.
Xestión económica e orzamentaria (1) Recoñécese o pagamento de facturas de 2020 que non puideron ser tramitadas en dito exercicio por valor de 224.440,50 euros.
Comercio (1). Infórmase da baixa -ou non incorporación- de 25.513,64 euros a unha retención de crédito dentro das operacións futuras e trasládase ao departamento de Tesourería a efectos contables.




