A estación rupestre apareceu riscada con material abrasivo que podería ser unha pedra inferindo pronunciados surcos nestas xoias do patrimonio arqueolóxico
O Concello de Campo Lameiro puxo en coñecemento de Patrimonio e da Garda Civil o atentado sufrido na estación rupestre da “Laxe da Rotea de Mendo” contra dous petróglifos que foron danados pola acción vandálica de descoñecidos que raiaron cunha pedra parte destas emblemáticas representacións arqueolóxicas.
O alcalde, Carlos Costa, no mesmo momento de ter coñecemento do suceso trasladouse ata o lugar de Lameiro, na parroquia de San Miguel de Campo para coñecer de primeira man o alcance dos danos producidos e poñelos de inmediato en coñecemento das autoridades de Patrimonio e máis da Garda Civil.
Os petróglifos apareceron riscados e remarcado por unhas pedras de xeito abrasivo e con graves danos para estas representacións emblemáticas da arte rupestre en Campo Lameiro o que provocou a indignación do propio alcalde e dos veciños e veciñas que tiveron coñecemento destes feitos.
O equipo de Goberno solicita a colaboración cidadá para localizar aos autores deste acto vandálico que condena sen paliativos e agarda que en breve os responsables sexan postos a disposición das autoridades para que sexan sancionados convenientemente.
Esta estación rupestre, ao igual que outras tres máis (Chan da Lagoa, Campo de Matabois e Pedra da Serpe), foron obxecto dunha intervención de conservación e posta en valor por parte do Concello de Campo Lameiro onde se destinou un investimento duns 25.000 euros, grazas a unha subvención de preto de 4.000 euros da Deputación e outros 21.000 da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, o que vén a provocar un maior rexeitamento por parte dos responsables municipais e da veciñanza de Campo Lameiro en xeral.




