A xunta de goberno local de hoxe aprobou 24 asuntos achegados por diferentes áreas e servizos municipais.
A xunta de goberno local do Concello de Ourense aprobou, na reunión celebrada esta mañá, un convenio de colaboración entre a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) e o Concello de Ourense para a construción dun sistema de retención de flotantes no aliviadoiro de Ponte Lebrona, na conca do río Barbaña. Ademais deste, a xunta de goberno deu conta doutros 23 asuntos achegados por diferentes áreas e servizos municipais.
O proxecto coa CHMS ten como finalidade mellorar a calidade das verteduras ao río Barbaña a través do aliviadoiro de Ponte Lebrona. As actuacións consistirán no desmonte da actual pantalla deflectora e a instalación dun equipo de retención de flotantes de tipo reixa fabricado en aceiro inoxidable e dotado dun sistema de limpeza. Tamén se executará un circuíto de control que permitirá elixir o modo de funcionamento do equipo entre manual ou automático. O investimento, que será asumido integramente pola Confederación estímase en 95.000, IVE incluído. Unha vez finalizadas e recibidas as obras, serán entregadas ao Concello de Ourense para o seu mantemento e conservación.
Avogacía consistorial (4). Tres sentenzas e un auto. Este último, do Contencioso Administrativo, denega a suspensión dunha multa -de 300 euros e 3 puntos do permiso de condución- solicitada por un particular.
No tocante ás sentenzas, a primeira desestima a solicitude do abono das pagas extraordinarias durante unha baixa por parte dun conserxe municipal.
A segunda estima o recurso da comunidade de propietarios do edificio da rúa do Bierzo 1 pola caducidade do expediente de reposición de legalidade urbanística -para demoler o edificio en execución dunha sentencia firme-. Pasado un ano desde a súa expedición, non se puido notificar a todos os afectados, polo que o Concello estará na obriga de incoar un novo expediente.
A última das sentenzas desestima o recurso presentado pola Consellería de Facenda contra unha resolución do Tribunal económico Administrativo do Concello de Ourense: a administración autonómica deberá facerlle fronte ao Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e ás multas derivadas de non pagalo, pero terá dereito á devolución das cantidades reclamadas sobre o Imposto de Bens e Inmobles dos exercicios 2016 e 2017.
Licenzas (3). Concedéronse licenzas para o remate dun pendello en Santa Cruz de Arrabaldo; para a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar en Cudeiro; e para a instalación dun ascensor nun edificio da Milagrosa.
Aperturas (1). Concédeselle expediente de licenza de obra de reforma e ampliación a unha cafetaría na zona das Lagoas.
Xestión urbanística (2). Por unha banda, o Concello dá por executadas e rematadas as obras provisionais de acceso peonil dende a Rúa Verea Vella até o paseo do Río Miño para substituír o antigo acceso existente inhabilitado por unhas obras de urbanización. Neste sentido, entrégase ao uso público xeral o acceso peonil provisional, como ben de uso público, mentres duran esas obras de urbanización e o Concello asume a súa conservación e mantemento ao estar incorporado o camiño ao parque das Ribeiras do Miño.
Por outra banda, a xunta de goberno desestima a solicitude dunha mercantil de declarar nulos de pleno dereito uns acordos de xunta de goberno local de 2008 relativos a unha área de reparto na zona de Cudeiro.
Patrimonio (6). A xunta de goberno desestimou tres reclamacións de responsabilidade patrimonial por danos causados en vehículos (2) ou por consecuencia de caídas na rúa (1) ao non concorrer os requisitos legais para ter dereito a unha indemnización.
Ademais, o Concello non exercitará accións civís por danos materiais causados nun semáforo en Seixalbo e nun sinal horizontal na rúa Florentino Cuevillas por estar prescrito o prazo, así que arquiva ditos expedientes.
Finalmente, apróbase o gasto de 738,05 euros para facerlle fronte a unha sentenza do Contencioso Administrativo 2 de Ourense.
Contratación (3). Aprobáronse as prórrogas para os servizos de mantemento de aplicacións informáticas do Concello de Ourense. Por unha banda a aplicación Séneca, polo período dun ano por 1.815 euros; pola outra, as aplicacións Facenova, Dgtnova e B2 Cpxom, por un prazo de dous anos a razón de 5.789,85 euros cada anualidade.
Noutra orde de asuntos, suspéndese o inicio da actividade na concesión demanial da explotación das instalacións destinadas a cafetería no Xardín Xaponés, ata que se proceda a realización das obras necesarias para a súa entrega ao adxudicatario -actuacións que xa están contratadas polo Concello-.
Medio ambiente (2). Ademais de darlle luz verde ao convenio coa CHMS para a construción dun sistema de retención de flotantes en Ponte Lebrona, a xuntra de goberno acordou a disposición de 31.354,95 euros en favor da mercantil TRAGSA en concepto de liquidación de xuros.
Servizos xerais (2). Aprobáronse dúas contas xustificativas de caixa fixa por facturas presentadas por dous traballadores habilitados.
Xestión económica e orzamentaria (1). Aprobouse un expediente de recoñecemento extraxudicial de créditos para pagar facturas recibidas fóra de prazo por un importe de 30.326,56 euros.




