HomePontevedraSoutomaior aproba o seu Plan Contra Incendios

Soutomaior aproba o seu Plan Contra Incendios

- Anuncio -spot_img
  • O pleno da corporación tamén deu o visto e prace á actualización do inventario municipal de bens e inmobles
    O pleno municipal do Concello de Soutomaior aprobou na sesión desta mañá o novo Plan de Municipal de Prevención contra Incendios Forestais. O documento, que contou co apoio unánime de toda a corporación, foi elaborado de maneira conxunta entre os técnicos municipais e Seaga no marco do convenio que a empresa ten coa Xunta de Galicia, e ao que está adherido o Concello de Soutomaior.
    O plan concreta unha serie de accións sobre o territorio municipal para organizar a xestión da biomasa en zonas estratéxicas, especialmente nas declaradas de alto risco, para previr a propagación dos incendios forestais. Ademais, implica o tratamento das áreas forestais segundo un esquema de intervención baseado en modelos silvícolas previamente establecidos.
    Un dos grandes beneficios deste documento é a creación e delimitación das franxas de protección antincendios en todos os núcleos de poboación do municipio. O plan recolle que estas franxas deben ter unha lonxitude mínima de 50 metros e non pode albergar especies pirófitas de árbores como o eucalipto, a acacia e o piñeiro.
    Neste sentido, o alcalde destacou que, ata o momento, o consistorio xa xestionou un total de 1100 convenios con veciños para realizar a limpeza subvencionada das súas propiedades nestas franxas de protección, “o que representa un total de 73,48 hectáreas de superficie libre de maleza e variedades pirófitas. Sen ningunha dúbida, este ano estaremos mellor preparados que nunca contra o lume”, concluíu Reguera.
    Actualización dos bens e inmobles municipais
    Do mesmo xeito, e tamén por unanimidade, o pleno municipal tamén deu o visto e prace á actualización do Inventario Municipal de Bens e Inmobles. Un documento que, en palabras do alcalde, “dotará ao Concello dun instrumento útil para a mellora da xestión do patrimonio local e ofrecerá unha ferramenta vital para a política urbanística que permitirá axilizar substancialmente a maioría dos trámites”.
    A correcta actualización do patrimonio municipal permite definir os recursos públicos dos que dispón o Concello, “e as necesidades de actuación sobre o conxunto de bens que son propiedade de todos os veciños de Soutomaior”, explicou Reguera. O documento recolle os vehículos, solares, bens patrimoniais, parques, xardíns, edificacións docentes e instalacións deportivas propiedade do Concello entre outros conceptos.

Publicacións Relacionadas