HomeA CoruñaA Xunta está a tramitar máis de 7.000 denuncias recibidas por sancións...

A Xunta está a tramitar máis de 7.000 denuncias recibidas por sancións de competencia municipal relacionadas coa Covid e xa notificou un millar aos presuntos infractores

- Anuncio -spot_img

O 58% dos concellos galegos adheríronse ao acordo asinado coa Fegamp para a xestión das sancións por infrinxir as restricións derivadas da pandemia

A Xunta de Galicia recibiu 7.160 denuncias procedentes de 111 concellos por incumprimento das medidas sanitarias implantadas para evitar a propagación do covid-19 a raíz do convenio asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ao que se sumaron 178 concellos, o 58% do total en Galicia, para a xestión dos expedientes punitivos que son de competencia municipal.

En resposta a unha pregunta no Parlamento de Galicia, o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, indicou que hai xa un millar de presuntos infractores que recibiron nos últimos días as notificacións, mentres que as demais denuncias atópanse na actualidade en tramitación.

A provincia de Pontevedra é a que remitiu á Xunta un maior número de denuncias para a súa tramitación (3.074), seguida das provincias da Coruña (2.000), Ourense (1.378) e Lugo (708). Pola contra, a provincia da Coruña é a que ten máis concellos adheridos ao convenio (57), seguida de Ourense (52), Pontevedra (43) e Lugo (26). Hai que ter en conta que as grandes cidades, por contar con medios propios, non están incluídas no acordo.

A maioría das infraccións producíronse polo incumprimento do uso obrigatorio da máscara, xa sexa por non levala no interior dos locais de hostalería ou nas terrazas, por non poñela dentro dos vehículos cando se viaxa con non conviventes ou por ir sen ela pola rúa. Aínda que menos numerosas, outras infraccións tiveron que ver co horario de peche dos establecementos ou co incumprimento do chamado toque de queda.

Plan de colaboración
No convenio asinado coa Fegamp o 27 de novembro de 2020 acordouse que, ante a falta de medios dos concellos para a tramitación das sancións que son da súa competencia, a Xunta encargaríase da elaboración, xestión e notificación dos distintos trámites dos procedementos sancionadores. Alfonso Rueda indicou ao respecto que unha trintena de traballadores públicos estanse a ocupar na actualidade destas labores, redactando os acordos de incoación, realizando as notificacións ou tramitando as propostas de resolución, que en todo caso haberán de ser asinadas polos órganos instrutores designados polos concellos.

O vicepresidente primeiro fixo fincapé no esforzo que a Xunta destina a esta encomenda con medios persoais e recursos propios para levar adiante esta colaboración que permitirá que ningún infractor quede impune por poñer en risco a saúde dos demais.

Publicacións Relacionadas