“Momentos Rías Baixas” converteuse no acontecemento da provincia, coa asistencia do sector e de 42 concellos, e cunha audiencia virtual de 270.000 persoas
A Gala Provincial do Turismo segue a dar que falar en todos os recunchos da provincia. Un “evento espectacular”, en palabras da presidenta provincial Carmela Silva “que deu proba de que a Deputación de Pontevedra é “unha administración que ten a capacidade de mobilizar á sociedade”. O acontecemento acadou máis de dous millóns de impactos “tan só en Twitter” e unha audiencia de preto de 270.000 usuarias e usuarios que seguiron a retransmisión amosando o seu apoio ao sector do turismo no seu ano máis duro. Este dato, comentou Silva, “vai a ir aumentando porque segue nas redes” polo que “esta gala non só foi un recoñecemento do sector, que era o que tiña como obxectivo, senón que foi un elemento de promoción do noso destino Turismo Rías Baixas”.
Foi unha xornada emocionante na que a provincia foi a protagonista de momentos irrepetibles grazas ao espectáculo tecnolóxico. visual e musical que tivo lugar no Auditorio Mar de Vigo. O acto contou coa presenza de 42 alcaldes, alcaldesas e representantes dos concellos así como de responsables de Mancomunidades chegados dende toda Pontevedra, que compartiron “Momentos Rías Baixas”, o eixo da campaña deste ano da Deputación, e viviron unha xornada que quedará para o recordo como un dos eventos máis potentes de dinamización do noso turismo.
Carmela Silva agradeceu hoxe o compromiso das e os responsables dos sete restaurantes con Estrela Michelin da provincia, novos e novas embaixadores de Rías Baixas, dos concellos polo seu apoio, e da condutora da Gala, a actriz Celia Freijero. As emocións vivíronse tamén a flor de pel coa homenaxe ás 136 empresas distinguidas co selo do Sistema Integrado de Calidade en Destinos Turísticos (SICTED) e o anuncio das persoas gañadoras do primeiro concurso “Momentos Rías Baixas”.
Máis persoal para a Rede Info Rías Baixas
A Xunta de Goberno provincial aprobará este venres as achegas por preto de 174.000 euros para que 23 concellos poidan contratar persoal para oficinas adheridas á Rede Info Rías Baixas neste 2021. Con esta partida a Deputación aposta por dar traballo a 29 persoas que darán a coñecer os recunchos da nosa provincia ás e aos visitantes cando poidan viaxar. Neste senso, Carmela Silva destacou que nesta convocatoria aprobáronse “dúas subvencións máis que o ano pasado porque os concellos seguen a adherirse a esta rede. Continuamos a dar pasos para fomentar o turismo e a profesionalización do sector”.




