Pretenden crear circuitos de turismo saudable pondo en valor o abundante patrimonio etnográfico e natural de ámbolos dous concellos
Os alcaldes de Campo Lameiro, Carlos Costa, e Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, impulsan a posta en funcionamento dunha ruta de sendeirismo que unirá ámbolos dous municipios a través das belas paraxes do río Lérez e que terá como obxectivo enlazar o sendeiro do
regato Maneses e o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre, en Campo Lameiro, cos Baños do San Xusto a través da Ponte Nova de Fentáns, en Cerdedo-Cotobade, cun trazado doado e biosaudable.
Ámbolos dous alcaldes percorreron parte do trazado natural que conformará esta nova ruta para comprobar in situ as posibilidades que ofrece tanto desde o punto de vista das dificultades do seu percorrido como as necesidades en materia de limpeza e adecuación para permitir a maior accesibilidade ao público en xeral.
O concello de Campo Lameiro dispón xa no regato Maneses dunha ruta propia homologada, a PR-G 230, que discurre por este afluente do río Lérez que vai morrer na área recreativa de Lodeiro. Esta senda circular remonta o regato durante uns catro quilómetros ata o Muíño de Chan do Coiñal, para logo pasar xunto ao Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR) de Campo Lameiro e, finalmente, regresar ata a beira dereita do Lérez. Este itinerario permite observar os numerosos muíños fariñeiros movidos polas augas deste arroio, así como as
distintas construcións que os rodean: pontes, pasarelas de pedra, canles, pequenas presas, etc.
Deste xeito, ampliaríase a oferta aos camiñantes cun atractivo percorrido desde Lodeiro por Cutián, xa no municipio de CerdedoCotobade, ata pasar pola Ponte Nova de Fentáns sobre o río Lérez ata chegar á outra beira camiño doutro fito turístico e natural da contorna como son os Baños do San Xusto, que están en proceso de finaliza-las súas obras de acondicionamento como balneario e zona recreativa en contacto do medio ambiente no que o Concello de Cerdedo-Cotobade está desenvolvendo un proxecto en colaboración coa Xunta, concretamente do departamento de Medio Ambiente a través do coñecido como Pacto Pola Paisaxe de Galicia.
A rehabilitación integral deste espazo natural está deseñada segundo o proxecto realizado pola arquitecta Cristina García e consiste, fundamentalmente, no reacondicionamento da antiga minicentral, os edificios e as bañeiras, así como na recuperación dos muíños e doutros elementos patrimoniais e etnográficos da contorna, na que se poderá gozar dos beneficios das augas termais a través de pozas públicas ao aire libre.
Tanto Cubela como Costa amosáronse convencidos de que este novo itinerario levantará o interese dos veciños de ámbolos dous concellos e tamén dos visitantes que, a partir de agora e coa apertura paulatina da situación despois da crise da pandemia, buscarán destinos próximos, doados de facer e que permitan disfrutar do entorno paisaxístico.
RECUPERAR A RUTA DAS PONTES SOBRE O LÉREZ
Por outra banda, o Concello de Cerdedo-Cotobade está levando a cabo un exhaustivo labor de limpeza, conservación e rehabilitación das pontes de Pedre, Fentáns e Parada de Cerdedo co fin de protexer o enorme patrimonio arquitectónico e etnográfico que supoñen estes
antigos viaductos que conforman gran parte do legado histórico, cultural e turístico que posúe o municipio e recuperar a coñecida como “Ruta das Pontes sobre o Lérez”.
O alcalde, Jorge Cubela, pretende con esta actuación a recuperación da Ruta das Pontes sobre o Lérez, un novo foco de atracción turística para os novos tempos que se aveciñan nun momentos nos que empezarán a diminuir as restricións e se fará unha constante a presenza de visitantes e a mobilidade turística.
As actuacións que levará a cabo o Concello de Cerdedo-Cotobade nestas tres pontes consiste en labores de limpeza e desbroce de accesos así como dos lugares afectados pola presenza de vexetación invasiva que, en moitos casos, provocan accións de desgaste e poñen en perigo a propia estabilidade dos viaductos.
Tamén se farán labores de consolidación e recolocación de pedras que se atopan movidas ou en estado de perigo de desplome coa intención de garantir a seguridade da propia construción así como a súa conservación para que sigan prestando as funcións para as que foron levantadas hai centos de anos aínda que con aproveitamentos máis acordes cos novos tempos e que teñen que ver máis coa promoción de rutas de sendeirismo e peonís, rutas turísticas ou lugares de acceso veciñal, como antergo.




