- A normativa axilizará os trámites nas solicitudes das axudas xestionadas polos Servizos Sociais municipais
O pleno municipal do Concello de Pazos de Borbén aprobou esta mañá a primeira ordenanza de emerxencia social da súa historia. Unha normativa que regulará a xestión municipal das axudas destinadas a evitar situacións de exclusión social e que o goberno local saca adiante “#ante o aumento de solicitudes derivadas da pandemia”, indicou a concelleira de Servizos Sociais, Eloisa Nogueira.
Así, segundo explicou Nogueira, ata o de agora nos orzamentos incluíase unha partida para atender os casos de veciños que pasaban por situacións económicas complicadas, pero o Concello carecía dunha normativa municipal específica que regulase o proceso. “Para os Servizos Sociais esta regulación é un paso adiante e unha ferramenta que nos axudará a ser máis agiles e eficientes axudando ás familias que o necesitan. O noso obxectivo é conseguir que ningún veciño quedei atrás”, explicou a edil.
Agora, grazas á nova ordenanza, desde a propia oficina dos Servizos Sociais municipais poderanse cursar e xestionar ágilmente todas as axudas de emerxencia social que poñen ao dispor dos veciños o consistorio e a Deputación de Pontevedra. Entre estas axudas destacan as destinadas á compra de alimentos, produtos de hixiene, roupa e electrodomésticos básicos ademais das destinadas ao pago de subministracións do fogar, medicamentos e elementos de axuda á infancia entre outros gastos básicos.
Actualización dos bens e inmobles municipais
Do mesmo xeito, o pleno municipal tamén deu o visto e prace á actualización do Inventario Municipal de Bens e Inmobles. Un documento que, en palabras do alcalde, “agora por fin temos dixitalizado e será de gran axuda para o Concello á hora de xestionar o patrimonio local ademais de axudarnos a reducir notablemente todos os trámites urbanísticos que necesitan os veciños”.
O documento recolle os vehículos, solares, bens patrimoniais, parques, xardíns, edificacións docentes e instalacións deportivas propiedade do Concello, entre outros conceptos.




