A alcaldesa, Inés Rey, asegurou que esta actuación busca pór en valor a zona do barrio da Cubela e que a intención do Goberno Local é a de dinamizar os barrios e dotalos de maiores servizos
O Concello, a través da Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, habilitará unha área biosaudable na rúa San Diego que incluirá un equipamento dirixido a que as persoas maiores poidan facer exercicio físico, unha área de estancia e a rehabilitación do Camiño da Cubela.
A alcaldesa, Inés Rey, asegurou que esta actuación busca pór en valor a zona do barrio da
Cubela e que a intención do Goberno Local é a de dinamizar os barrios e dotalos de
maiores servizos, “que todos dispoñan dun espazo de lecer, así como garantir a
accesibilidade de toda a veciñanza”.
O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, trasladou o
proxecto, que responde a unha vella demanda veciñal, ás persoas representantes da
Asociación de Veciños Oza, Gaiteira, Os Castros. Esta intervención, que se executará a
través do Contrato de mantemento, conservación e reparación dos pavimentos de
beirarrúas e áreas peonís da cidade, sumarase ás áreas biosaudables xa instaladas na
avenida de Cádiz, na praza da Tolerancia e nas Viviendas do Carme do barrio de Labañou.
A actuación, nunha superficie total de 250 metros cadrados, inclúe a instalación de pluviais
e a pavimentación da vía coñecida como `Camiño da Cubela´, así coma a instalación dunha
zona de estancia con arborado e bancos.
O edil de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, apuntou que “con esta intervención auméntanse
os espazos peonís, instálase mobiliario urbano e increméntanse as zonas verdes, seguindo
os obxectivos que fixa a Axenda 2030”. O aumento das zonas de descanso “propiciará a
convivencia entre as e os veciños nunha aposta por crear espazos públicos de calidade en
que o cidadán sexa o verdadeiro protagonista”, afirmou Villoslada no encontro cos
representantes veciñais.




