HomeA CoruñaO Concello de San Sadurniño resolve a adxudicación de 48.500 euros en...

O Concello de San Sadurniño resolve a adxudicación de 48.500 euros en axudas do PEL-Reactiva

- Anuncio -spot_img

O Goberno local suplementou con preto de 12.000 euros a achega provincial co obxectivo de que todas as solicitudes admitidas poidan percibir a contía máxima

Un total de 25 negocios de San Sadurniño poderán beneficiarse das axudas do programa PEL-Reactiva impulsado pola Deputación e o Concello. Esa é a cifra de solicitudes que cumpren cos requisitos e que, en conxunto, percibirán 48.500 euros con achegas que van desde os 1.500 até os 3.000 euros. Inicialmente a San Sadurniño correspondéronlle algo máis de 36.600 euros que o Concello complementou con outros case 12.000 para garantir que todas as peticións aceptadas poidan levar o importe máximo. A resolución notificaráselles hoxe individualmente ás empresas e persoas autónomas beneficiarias, que deberán presentar a xustificación das axudas a través da Sede Electrónica. O prazo, segundo as bases xerais, finaliza o 31 de marzo, pero todo apunta a que se ampliará uns días máis, posto que moitos municipios da provincia aínda non resolveron as súas respectivas convocatorias.

No caso de San Sadurniño recibíronse un total de 28 solicitudes das cales tres foron denegadas por non axustarse ás bases, unha delas presentada por un clube deportivo -as axudas van só para persoas autónomas e empresas- e dúas achegadas por persoas que non teñen o domicilio fiscal no noso municipio.

As outras 25 que si se admitiron e que percibirán a axuda divídense en tres grupos dependendo dos motivos polos que se presentaron á convocatoria: 11 por causa de cesamento temporal da actividade, 4 por térselle reducido nun 75% a facturación do segundo trimestre fiscal de 2020 e 10 por verse na obriga de adoptar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego a raíz do primeiro Estado de Alarma.

Para cada un destes supostos marcáronse unhas axudas máximas de entre 1.500 euros para persoas autónomas sen persoal a cargo que tivesen que pechar os seus negocios ou que visen reducida a facturación e de 2.500 se se trataba de microempresas ou persoas autónomas que tivesen xente empregada. Esta última cantidade sobe aos 3.000 euros no caso de que o persoal a cargo fose de entre 6 e 9 empregadas/os.

Dentro dos gastos que se poderán presentar como xustificación para percibir as axudas concedidas hai múltiples conceptos: compra de material antiséptico, produtos de hixiene e limpeza, instalación de mamparas de protección, gastos de alugueiro de locais, arrendamentos de maquinaria e vehículos, seguros de responsabilidade civil e tamén outros gastos fixos que se soportasen durante a crise, como son a luz, gas, a subministración de auga ou os combustibles.

Débese ter en conta que a subvención non cubrirá o ive (só se sumarán as bases impoñibles dos gastos). Tamén é moi importante ter en consideración que as axudas municipais serán compatibles coas convocadas por outras administracións. Se se dese ese caso, o importe conxunto das subvencións recibidas non poderá superar en ningún caso o total do gasto efectuado.

O PEL-Reactiva é un programa de axudas financiado con fondos provinciais. A Deputación da Coruña deseñou as bases e o procedemento de solicitude e asignoulles fondos aos municipios segundo a dimensión do seu tecido produtivo. A San Sadurniño correspondéronlle 36.682,54 euros que, finalmente, o Concello complementou con outros 11.817 co obxectivo de que a partida dese para cubrir as achegas máximas das 25 solicitudes admitidas.

Publicacións Relacionadas