A Asociación pola Recuperación do Bosque Autóctono (ARBA) e a asociación cultural e medioambiental “O Esquío no Piñeiro”, en colaboración co Concello de Brión, organizan este sábado 27 de marzo, ás 18:00 horas, unha plantación de árbores autóctonas no parque municipal de Brión, emprazado a carón do campo de fútbol municipal e da entrada/saída da autovía.
Unha convocatoria aberta a todos os veciños e veciñas de Brión que desexen apadriñar un dos castiñeiros ou dos carballos que se plantarán este sábado. Para participar nesta actividade basta con achegarse polo parque municipal ás 18:00 horas con útiles para realizar a plantación: sachos, pas, caldeiros, etc.
Esta non é a primeira vez que este parque municipal acolle unha iniciativa semellante. De feito, entre 2010 e 2014 realizáronse plantacións en distintos puntos deste espazo verde, organizadas por “O Esquío no Piñeiro” en colaboración co Concello de Brión.




