HomeA CoruñaA Coruña e Avilés constituirán unha fronte común na demanda de solucións...

A Coruña e Avilés constituirán unha fronte común na demanda de solucións para Alu Ibérica e para o tecido industrial

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa, Inés Rey, reunirase en Asturias o vindeiro martes coa súa homóloga de Avilés, Mariví Monteserín, na procura de saídas que garantan o futuro e as condición laborais das plantas de produción de aluminio

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, avanzou esta mañá que o vindeiro martes, 30 de marzo, viaxará a Asturias para reunirse coa alcaldesa de Avilés, Mariví Monteserín, para tratar sobre o futuro das plantas de Alu Ibérica. Rey indicou o seu desexo de constituír unha fronte común con Avilés (onde a empresa posúe unha factoría que atravesa por unha situación semellante á da Grela) para buscar unha solución que garanta o mantemento das fábricas e o máximo respecto ás condicións laborais dos seus traballadores.
A rexedora coruñesa recibiu os traballadores de Alu Ibérica que se manifestaron hoxe na Coruña, aos que amosou o seu total apoio nas súas demandas. “Non podemos permitir que o futuro de Alu Ibérica e das nosas industrias dependa de operacións dubidosas, nin podemos tolerar que non se respecten os dereitos dos traballadores”, indicou Rey, quen cualificou a marcha como “unha manifestación histórica e unitaria da representación sindical en defensa da industria”.
Rey amosoulles ás traballadoras e traballadores de Alú Ibérica o seu compromiso coa defensa dos dereitos dos traballadores, dos empregos, da industria e da liberdade sindical. A alcaldesa tamén quixo manifestar o seu apoio ao persoal traballador da factoría de Avilés, que tamén saíu hoxe á rúa para reivindicar o mantemento dos seus empregos.
“As institucións temos un papel fundamental, unha implicación no futuro da industria, non podemos obviar as nosas responsabilidades e as nosas competencias”, apuntou a rexedora.
“O Concello da Coruña actuará coa máxima contundencia para manter os empregos na planta de Alu Ibérica e para garantir a actividade industrial nesta cidade”, sinalou Rey. A rexedora destacou que o Goberno local apoia a reivindicación do persoal traballador para que non se vulneren os seus dereitos fundamentais e para que se garanta a continuidade da actividade na Coruña.
Ao remate da concentración desta mañá, a alcaldesa reuniuse en María Pita cunha representación do Comité de Empresa de Alu Ibérica na Coruña.

Publicacións Relacionadas