• Cada un deles conta cun cartel explicativo sobre as medidas sanitarias a empregar e están dotados de xel hidroalcólico
O Concello de Cerdedo-Cotobade puxo en marcha un amplio operativo de limpeza e desinfección previo á reapertura xeralizada de todos os parques infantís e biosaudables do municipio para que poidan ser disfrutados pola veciñanza nestes días e con total normalidade e seguridade.
Entre as medidas adoptadas polo Concello de Cerdedo-Cotobade figuran a colocación de carteis explicativos sobre as normas sanitarias de uso destes espazos de lecer municipais así como a instalación de dispensadores de xel hidroalcólico para que os usuarios poidan en todo momento desinfectar as súas mans previamente á utilizacións dos aparatos así como unha vez rematado o seu uso.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, indicou que esta medida se tomou en virtude da nova situación epidemiolóxica e ante a necesidade de ofrecer aos máis cativos do municipio nestes días de asueto en Semana Santa a oportunidade de poder volver a utilizar os parques infantís con total seguridade.
“Pensamos que seguindo as pautas de normal comportamento os máis cativos poderán disfrutar dunhas instalacións que foron creadas para eles e que por mor da pandemia permanecían fóra do seu alcance pese a que os miraban diariamente. Agora con este operativo de desinfección en profundidade desenvolvido polos operarios municipais cremos que hai garantías de que os máis cativos poidan disfrutar, ao aire libre, destes xogos agora que non teñen clase e teñen maior disponibilidade para facer uso deles. Colocamos carteis explicativos de como se debe proceder e tamén instalamos dispensadores de xel hidroalcólico para que poida ser utilizado en todo momento e como medida profiláctica previa ao acceso aos columpios e unha vez rematado o uso dos aparatos de xogo”, indicou o alcalde.




