HomeOurenseO alcalde apoia a proposta da asociación de empresarios de centralizar o...

O alcalde apoia a proposta da asociación de empresarios de centralizar o transporte de mercancías ferroviarias no Polígono de San Cibrao

- Anuncio -spot_img

O proxecto permitiría “liberar 110.000 metros cadrados na estación de Ourense e aproveitalos para novas infraestruturas que mellorarían moitísimo a nosa calidade de vida”, asegura o rexedor

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu esta mañá o presidente da asociación de empresarios do Polígono de San Cibrao, José Antonio Rodríguez Araujo, e trasladoulle o seu apoio ao proxecto que promove o empresariado ourensán de concentrar en San Cibrao o tráfico de mercancías ferroviarias que actualmente se reparte entre esta área industrial, a estación Ourense Empalme e a estación de Taboadela.

A proposta permitiría liberar para a cidade unha superficie de 110.000 metros cadrados na estación Ourense Empalme, actualmente destinados a esta finalidade, e que se poderían aproveitar para novas infraestruturas e equipamentos na cidade.

O alcalde avanzou que o goberno municipal presentará a aprobación por parte do Pleno do Concello un posicionamento de apoio a esta iniciativa, coa finalidade de visibilizar “que todo Ourense vai remar na mesma dirección”.

Valora a este respecto Pérez Jácome que a estación Ourense Empalme recibe na actualidade só unha pequena parte do tráfico de mercancías, unha actividade que, de facto, xa se está a centrar en San Cibrao. Por este motivo, explica, “centralizalo no Polígono permitiría suprimir a zona de mercancías ferroviarias da estación de Ourense, e isto significaría que teriamos 110.000 metros cadrados que poderían quedar liberados entre A Ponte e O Vinteún”. Son terreos, lembra o rexedor “que foron cedidos hai moitas décadas polo barrio da Ponte para ampliar a estación e que agora, tendo en conta que ese cometido podería suprimirse, deberían volver á cidade de Ourense e aproveitalos para infraestruturas que mellorarían moitísimo a nosa calidade de vida”. “Imos remar nesa dirección e esperar que o Estado dea algo a Ourense”, concluiu o rexedor.

Publicacións Relacionadas